Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os meses de xuño e xullo rexistran...

BAIXAN UN 12 POR CENTO RESPECTO DE 2010

Os meses de xuño e xullo rexistran máis de 150 avisos e demandas veciñais atendidos pola Brigada de Obras

Mércores 3 de agosto do 2011

En porcentaxes, as demandas sobre Carballo Limpo supoñen o 27,9 por cento do total das realizadas en xuño e xullo. As peticións relacionadas co alumeado ocupan o segundo lugar cun 36,9 por cento do total. En terceiro lugar atópanse as accións relacionadas cos servizos xerais de auga, luz, recollida de lixo, saneamento ou teléfono, cun 15,4 por cento e un total de 26 avisos. En cuarto posto sitúanse os avisos relacionados co equipamento e o mobiliario das instalacións deportivas e os edificios municipais. Con 23 avisos supoñen o 13,6 por cento. Por último, hai que mencionar as peticións relacionadas coa sinaléctica, cos arranxos no firme das vías ou nas beirarrúas ou coa limpeza de espazos públicos e xardíns. Entre as tres categorías suman 10 peticións e son o 5,9 por cento do total. No que vai de ano, o Concello ten rexistrado un total de 733 demandas veciñais en todas as categorías, e neste cómputo global, a maioría si que están relacionadas con arranxos no alumeado, con 402 avisos que supoñen un 54,8 por cento do total. Respecto da distribución por parroquias, a que ten rexistrado máis demandas, ademais da capital municipal, é a de Rus, seguida da de Sofán. Nos últimos postos están Goiáns, Vilela, Aldemunde ou Rebordelos. Os veciños e veciñas interesados en obter máis información sobre os servizos de mantemento do Concello poden facelo nesta mesma páxina web, <www.carballo.org> ou na web de Carballo Limpo: <www.carballolimpo.com>.

Informatización dos servizos

Hai que lembrar que, aínda que nestes momentos os veciños e veciñas deben chamar por teléfono, acudir á Alcaldía do Concello de Carballo ou enviar un correo electrónico a <infocarballo@carballo.org> para tramitar as súas peticións, o Concello vén de rematar o proceso técnico para ampliar a información e os servizos proporcionados polo Xeoportal -guía municipal do territorio con información útil reflectida no mapa do concello- co obxecto de dar un paso máis e facilitar aos cidadáns o acceso aos servizos a través da páxina web. O novo Sistema de Información Xeográfico, que esta previsto que entre en marcha ao longo deste ano e está valorado en máis de 180.000 euros, permitirá que os veciños e veciñas poidan solicitar a través de Internet e localizando a petición no mapa do municipio, o arranxo de focos de luz, a colocación ou limpeza dun colector de lixo, a colocación de semáforos e pasos de peóns ou a consulta do rueiro. Así mesmo, os traballadores municipais terán acceso a esta ferramenta para coñecer en tempo real datos urbanísticos, de vaos, ocupación da vía pública etc. e tramitar as peticións veciñais con maior celeridade. Con este novo sistema facilitarase a redución dos gastos á hora de tramitar os servizos, mellorarase a velocidade de resposta das actuacións e terase control de datos como as licenzas de terrazas, o número de focos ou de sinais verticais de tráfico ou o estado dos colectores de lixo.

Compartir: