Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de deslinde de Carballo e A...

FORON IDENTIFICADOS 23 DOS 30 MARCOS ESTUDADOS

A Comisión de deslinde de Carballo e A Laracha avanza nos traballos para fixar as delimitacións dos municipios

Mércores 11 de abril do 2012

O Concelleiro de Obras e Servizos considera que os traballos están moi avanzados e que o proceso poderá rematarse en breve. Así, unha vez elaborada a acta de deslinde tan só resta remitirlla á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e posteriormente ao Instituto Xeográfico Nacional. Na xuntanza estiveron presentes técnicos e expertos como o Arquitecto Municipal de Carballo, así como veciños dos lugares afectados. Así mesmo, por parte de Carballo tamén asistiron o Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; ou o Concelleiro do PP Juan Carlos Castro. Por parte da Laracha asistiron o Alcalde, José Manuel López Varela; e o segundo Tenente de Alcalde, Jesús Souto Pena, entre outros representantes. Hai que lembrar que o proceso de deslinde entre A Laracha e Carballo afecta ás parroquias de Sofán, Berdillo, Bértoa, San Miguel de Vilela e Noicela. Está sendo un proceso laborioso, xa que moitos dos datos que manexaba a comisión remóntanse a 1947 e foi necesario un exhaustivo traballo de campo. Algúns dos puntos nos que se fixo necesaria unha revisión máis pormenorizada foron Samiro (Berdillo), A Piña (Sofán), A Cheda (Bértoa) ou A Perucha (San Miguel de Vilela).

Compartir: