Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo multiplica a súa oferta de prazas...

O PRÓXIMO CURSO TERÁ CAPACIDADE PARA 164 NENOS E NENAS

Carballo multiplica a súa oferta de prazas públicas para cativos de 0 a 3 anos coa posta en marcha da Escola Infantil A Braña

Venres 13 de abril do 2012

O presidente da Deputación provincial, Diego Calvo, quixo tamén redundar na idea de colaboración entre administracións, especialmente na conxuntura actual. "Así é como conseguimos evitar duplicidades", explicou, engadindo que "está demostrado que, traballando xuntos, os resultados son mellores". A colaboración para a posta en marcha da Escola Infantil traduciuse en que a Deputación e o Concello de Carballo asumiron o financiamento da obra, mentres que a Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consorcio, será quen asuma parte do mantemento do servizo. Segundo un acordo entre o Concello e Igualdade e Benestar, a administración local contribuirá ao financiamento do funcionamento da Escola Infantil, que ten un custe de 475.000 euros ao ano, mediante a achega dun terzo dos gastos totais da xestión. As 103 prazas ofertadas na escola "A Braña" (con dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos) completan o servizo ofrecido por "As Landras", que conta con 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos e que leva funcionando dende o ano 2004. O novo edificio distribúese en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, no que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións.

Fórum Carballo

Durante a visita, a Conselleira de Traballo e Benestar quixo reiterar a disposición do seu departamento para facilitar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación ás instalacións do recinto Fórum Carballo na Milagrosa, expresando que "non hai problema ningún en formalizar o traslado", aínda que os trámites están en mans da Delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Así, hai que lembrar que o Concello de Carballo ofreceu a cesión gratuíta por parte do Concello dun espazo nas instalacións do Fórum para acoller tanto esas oficinas, situadas na rúa Luís Calvo, como as da Consellería de Medio Rural e Sanidade Animal, na actualidade na rúa Igrexa. O Alcalde de Carballo informou de que esta semana arquitectos da Xunta visitaron as instalacións do Fórum, quedando "gratamente impresionados". Ferrero reitera que o obxectivo da administración local é "facer un edificio de referencia, tamén dende o punto de vista administrativo", non só "para prestar un mellor servizo aos veciños e veciñas", senón tamén "para aforrar custos". Beatriz Mato tamén manifestou, respecto do proceso de homologación do Fórum, que "polas súas características técnicas non debería haber ningún problema" no proceso.

Compartir: