Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión Especial de Seguridade realiza...

A POLICÍA LOCAL CONTARÁ CON 25 AXENTES A FINAIS DE 2012

A Comisión Especial de Seguridade realiza un balance das principais incidencias e sucesos rexistrados durante o ano 2011

Xoves 19 de abril do 2012

A Comisión Especial de Seguridade tamén realizou un repaso das principais actuacións realizadas ao longo de 2011, como a sinatura dun protocolo de actuación entre o Concello de Carballo e a Xefatura Provincial de Tráfico polo que a administración local poderá tramitar o cambio de domicilio no Rexistro de Condutores da DXT (Dirección Xeral de Tráfico) así como realizar duplicados do permiso de circulación de vehículos polo cambio de domicilio do seu titular. Deuse conta, así mesmo, da xuntanza entre os directores dos institutos do municipio, a Garda Civil, Policía Local e Servizos Sociais para coordinar actuacións contra o absentismo escolar e de prevención en materia de seguridade, xa que se vén experimentando nos últimos tempos un repunte da delincuencia xuvenil. Falouse da entrevista realizada co Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán Castro, na que se lle expuxeron as principais problemáticas do Concello en materia de seguridade. E, por último, mencionáronse sucesos concretos destacados, como o falecemento dunha muller en Rus ou a desaparición dun mozo que traballaba no centro de Aspaber, así como a tentativa de roubo producida na Horta do Casino, que se saldou cun axente ferido e a detención dun dos implicados.

Número de axentes da Policía Local

Outro dos asuntos que xurdiu durante a Comisión foi o número de axentes cos que conta a Policía Local. O Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, informou, a petición do Concelleiro do PP José Lado, de que o Goberno espera rematar o ano 2012 cunha plantilla de 25 axentes, sumando aos 21 que hai na actualidade a contratación dun oficial, a incorporación doutro que nestes momentos esta suspendido e os dous que se sumarán tralo proceso de contratación que nestes momentos tamén está en suspenso. Así mesmo, Regueira lembrou que na actualidade está en marcha unha convocatoria para a provisión, en réxime laboral temporal, de seis auxiliares para a Policía Local de Carballo a través do procedemento de oposición libre. Esta medida tómase para reforzar o servizo durante o período estival e cubrir os períodos de descanso dos axentes.

Compartir: