Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello formaliza coa Deputación da...

O ALCALDE, EVENCIO FERRERO, ASISTIU Á SINATURA NA CORUÑA

O Concello formaliza coa Deputación da Coruña un convenio para o mantemento do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida)

Martes 24 de abril do 2012

Xunto co Concello de Carballo, na Costa da Morte concedéronse axudas aos Grumir de Vimianzo e Cee, cun total de 135.000 euros. Os tres grupos de intervención da comarca supoñen traballo para 42 persoas. No caso do de Carballo, o Grumir está composto por 15 persoas, 3 estables que ofrecen servizo todo o ano e outros 12 traballadores que dependen das achegas doutras administracións, especialmente da Xunta de Galicia. Así, o Concello vén de aprobar na Xunta de Goberno Local do 26 de marzo unha solicitude para a contratación destes 12 efectivos no marco das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais. O Concello solicita unha achega para a contratación de 3 encargados-condutor e 9 peóns por un período de doce meses. No caso da sinatura do convenio coa Deputación, asistiron por parte da Costa da Morte ademais do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o rexedor de Vimianzo, Manuel Antelo, e a alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez.

Aos Grumir da Costa da Morte hai que sumar a axuda para os Grumir da comarca de Santiago que supoñen traballo para 70 persoas e unha achega de 225.000 euros; para os concellos da comarca de Ferrol, que contarán cunha achega da Deputación da Coruña de 90.000 euros e supoñen traballo para 28 persoas; para a comarca do Barbanza, na que existen tres Grumir que terán unha axuda provincial dun total de 135.000 euros e que dan traballo a 42 persoas; e, por último, os tres Grumir da comarca da Coruña, que dan traballo a 42 persoas, recibirán 135.000 euros.

Compartir: