Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pon en marcha un servizo de recollida...

HABERÁ COLECTORES EN SETE EDIFICIOS PÚBLICOS DA VILA

O Concello pon en marcha un servizo de recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado dentro do programa Carballo Limpo

Xoves 28 de xuño do 2012

En próximas datas, Reave realizará unha campaña para repartir arredor de 2.500 embudes ou funís de plástico perfectamente adaptables cunha rosca ás botellas de auga e de refrescos para facilitar o vertido do aceite e axudar aos cidadáns na reciclaxe. A administración local manifestou a súa vontade de colaborar na difusión dos embudes repartíndoos en determinados puntos, como a Casa do Concello. Reave tamén ten a intención de ir pouco a pouco ampliando os puntos de reciclaxe de aceite dispoñibles. Así, ofrece ás comunidades de veciños da vila a posibilidade de chegar a un acordo e instalar un colector nos seus edificios. O único que deben ter é un espazo para colocar o recipiente, dun metro e medio de alto e medio metro de ancho e de fondo. A empresa encargaríase da recollida de forma regular e de xeito totalmente gratuíto. O obxectivo é achegar tamén o servizo ás parroquias, colocando os colectores, previo acordo, en centros sociais ou locais veciñais. Así mesmo, Reave está negociando nestes momentos cos responsables de edificios de uso público, aínda que de titularidade privada, para colocar máis colectores. O obxectivo é ofrecer o servizo nos principais supermercados da vila, así como nos centros comerciais, para automatizar a reciclaxe.

Por último, a empresa está en conversacións coa Xunta de Galicia para permitir a implantación de colectores nos principais centros de ensino do municipio e emprender ademais unha campaña para concienciar aos cativos e cativas da importancia da reciclaxe do aceite. Hai que subliñar que esta iniciativa é pioneira na comarca, xa que o lugar máis próximo onde se facilita a reciclaxe de aceite en envase de plástico atópase en Lugo. O sistema permite o aproveitamento do líquido, e tamén a reciclaxe do recipiente. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a importancia de que "este líquido tan tóxico sexa reutilizable" e realizou "un chamamento á poboación para que colabore, porque toda a contaminación que saquemos do medio ambiente e do río redunda no noso favor". Luís Lamas resalta, ademais, o aforro que supón para as arcas municipais eliminar o aceite do colector verde de residuos orgánicos, xa que require un tratamento especial. Reave é unha empresa de recente creación que principiou a traballar en Carballo no mes de marzo e cuxos principais responsables son Oscar M. Villa e Antonio Pedreira. Para obter máis información, os interesados/as poden chamar ao: 676 829 578 ou ao 676 254 999.

Compartir: