Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a modificación das taxas do...

MOCIÓN DE TODOS OS GRUPOS SOBRE AS PLANTAS XUDICIAIS

O pleno aborda a modificación das taxas do Conservatorio Municipal de Música, que conta con máis de 150 estudantes

Venres 29 de xuño do 2012

A sesión inclúe na orde do día unha moción conxunta dos grupos municipais de BNG, PP, TEGA e PSOE relativa á modificación das plantas xudiciais e á reforma das taxas xudiciais. A proposta presentouse no pleno de maio a iniciativa do PSOE, pero decidiuse que quedara sobre da mesa para acadar un acordo que avalasen todos os grupos políticos da corporación. O texto definitivo insta ao Goberno de España para que non dea validez algunha á proposta de reforma da planta xudicial elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións xudiciais actualmente existentes, xa que en caso contrario a demarcación carballesa pasaría a formar parte da da Coruña xunto coa de Betanzos, co conseguinte prexuízo para profesionais e veciñanza do municipio. Tamén insta ao Goberno para que retire o Anteproxecto de Reforma das taxas xudiciais, e para que reforme a Lei 37/2011, de 10 de outubro, de Medidas de Axilización procesal, no sentido de volver ao sistema anterior no que se refire á contía dos recursos de apelación e casación e en materia de costas no proceso contencioso-administrativo, xa que o novo sistema "inviabiliza a defensa universal, dado que as costas son inasumibles para a maioría da cidadanía", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

O PP presenta, así mesmo, dúas mocións ao pleno. Unha delas solicita a mellora da travesía de Bértoa, con especial atención á seguridade vial e ao pintado dos pasos de peóns na AC-552 Carballo-A Coruña. A proposta suxire a elaboración por parte do Concello dun proxecto técnico de mellora da seguridade viaria e de dotación de servizos, beirarrúas e iluminación, ademais de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, titular da travesía, a que resolva o problema de inseguridade viaria pintando os necesarios pasos de peóns, nomeadamente onde permitan o acceso dos veciños e veciñas aos edificios que prestan servizos públicos, con todas as garantías de seguridade viaria. O Alcalde de Carballo aclara que o Concello ten elaborado dende o ano 2004 un proxecto para a mellora da travesía de Bértoa que ascende a 1,3 millóns de euros. Ferrero subliña que o goberno local está a favor de que a Consellería titular da vía leve a cabo esta obra, por iso a moción recibiu o visto bo por unanimidade na comisión informativa do pleno.

Por último, no apartado de mocións, o PP presentou unha proposta na que insta ao Padroado Deportivo Municipal a modificar a idade na que se poden manter os fillos/as dos abonados/as como beneficiarios do abono familiar, mentres non teñan ingresos por atoparse en situación de desemprego ou por continuar os seus estudos. O Alcalde explica que o goberno rexeita este acordo porque entende que esta decisión debe ser adoptada polo Consello Reitor do Padroado Deportivo Municipal, e non polo pleno, polo que ese asunto abordouse precisamente na xuntanza que o Consello Reitor mantivo o venres 29 de xuño. Así mesmo, considera que é o Padroado é o que debe matizar e regular este tipo de propostas, xa que afectan ao seu Regulamento. Aínda así, a moción debaterase tamén no pleno. No apartado de seguimento de órganos de goberno, darase conta das conclusións da Comisión Especial de Investigación pola presunta contratación irregular dunha persoa polo Concello de Carballo.

Compartir: