Inicio Carballo ao día Hemeroteca Alumnos e alumnas de arquitectura estudan...

O FÓRUM ACOLLE ATÉ O VENRES 6 UN CURSO DE VERÁN DA UDC

Alumnos e alumnas de arquitectura estudan Carballo para reflexionar sobre "Estratexias cidadás para os tempos da crise"

Luns 2 de xullo do 2012

O curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise" ten como punto de partida a recente etapa de desenvolvemento económico, que levou consigo unha importante polarización da inversión arredor do sector da edificación e da obra civil, un fenómeno asumido socialmente ata o punto de incorporarse tópicos á linguaxe cotiá como "o boom do ladrillo" ou "a burbulla inmobiliaria". A brusca interrupción desta situación de crecemento e a inmersión nunha crise de dimensións internacionais, deixaron en múltiples ocasións unha paisaxe urbana a medio definir, con importantes perdas do patrimonio histórico, estruturas abandonadas, expectativas frustradas, vivendas baleiras, paixases rurais invadidas, etc., no contexto dun plantexamento das ferramentas legais urbanísticas que foron incapaces de responder e adaptarse ás previsións e á axilidade das operacións urbanas. Por desgraza, Carballo axústase a moitas destas premisas, como reflectiron o arquitecto municipal Alfredo Garrote, e a profesora da ETSA, Mónica Mesejo, na segunda conferencia do curso. "Estratexias cidadáns para os tempos da crise" pretende reflexionar sobre as estratexias a seguir para reconducir a forma e a vida urbanas a partir da situación presente.

Esta reconducción realizaríase a través da xestión ambiental e social, da arquitectura e da paisaxe urbana, e contando coa intervención directa dos cidadáns. A aproximación á problemática formúlase dende diferentes disciplinas: socioloxía, economía, arte, paisaxe, medios produtivos e arquitectura. Por iso, as conferencias céntranse en cada un destes aspectos. Pero o curso non se queda na teoría e inclúe traballo de campo, constituíndose cinco grupos de traballo de 4-8 alumnos/as que abordarán as seguintes temáticas: as zonas inacabadas da cidade; os bordes e as discontinuidades da trama; a percepción da cidade dende o propio casco urbano; a percepción da cidade dende as súas vías de acceso; e a recuperación dos espazos libres: espazo público e autoestima colectiva. Cada grupo, coa axuda dos coordinadores que se lles asignen, realizará a toma de datos e a redacción da proposta en cada unha das zonas de Carballo, dacordo co plan de traballo exposto, estudando algún destes temas que poderá ser plasmado de forma diversa: maquetas, debuxos, fotomontaxes, etc.

Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nunha ligazón nesta mesma nova.

Compartir: