Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 250 nenos e nenas, algúns...

EN DÚAS QUENDAS: DO 2 AO 7 E DO 9 AO 13 DE XULLO

Máis de 250 nenos e nenas, algúns de Polonia, Canadá ou Puerto Rico: no III Campus de Fútbol Base Concello de Carballo

Mércores 4 de xullo do 2012

O Campus conta coa colaboración de nove adestradores chegados das mellores canteiras de toda España, como son as do Atlético de Madrid, Athletic de Bilbao, Real Madrid, Deportivo da Coruña ou Espanyol. De feito, Juan Antonio Ramos e Armando de la Morena, este último proclamado recentemente campión mundial de clubs sub-17 co Atlético de Madrid, subliñan que "non hai ningún outro campus que una aos adestradores dos mellores equipos de fútbol base de España". Ramos quere destacar, tamén, o excelente comportamento dos rapaces e rapazas, así como agradecer a colaboración das Escolas Luís Calvo e do Concello de Carballo "que fan que cada ano esteamos máis a gusto". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, veñen de visitar aos participantes na primeira quenda do Campus, máis de 140, que posaron para unha foto de familia (na imaxe). Por último, a organización quere lembrar que a vontade do Campus é seguir medrando, xa que para o ano que vén está previsto crear o primeiro Campus Mixto de España, unha iniciativa pioneira que consiste en incorporar o surf ás actividades deportivas. Así, pola mañá desenvolveranse os adestramentos de fútbol, como nas tres primeiras edicións, e polas tardes haberá clases de surf en Razo coa colaboración de Art Surf Camp.

Compartir: