Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum acolle o Curso "A...

ENTRE O MARTES 10 E O VENRES 13 DE XULLO

O Fórum acolle o Curso "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión"

Luns 9 de xullo do 2012

O turismo é considerado como unha actividade de múltiples dimensións (económica, política, antropolóxica, social, tecnolóxica, ambiental, cultural etc.), que ten un grande impacto sobre os diferentes niveis organizativos tanto públicos como privados, individuais e colectivos, de todas as rexións do mundo. Aínda que Galicia e España sigan sendo destinos punteiros a escala mundial, no sector do turismo cómpre a permanente e constante actualización de profesionais para que repercutan no desenvolvemento socioeconómico sustentable das áreas receptoras. Para este fin, ofrécese un programa formativo en que se analiza a transformación que está a sufrir o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias, as oportunidades, os retos e as dificultades a que se enfronta este sector, indicando tres elementos básicos: a innovación e o uso das TIC, a calidade en todas as actividades e o desenvolvemento socioeconómico sustentable. Para iso, o Fórum Carballo comeza unha intensa programación de conferencias e mesas redondas que principia o martes 10 ás 9.30 horas e que conta con expertos de toda Galicia, da Costa da Morte (coa presenza de Aptcm) e do mesmo Carballo. O venres 13, a actividade complétase co desenvolvemento dunha actividade de ocio que poden escoller os participantes no curso: bautismo de golf no Pitch&Putt, rutas a cabalo, tamén no Pitch&Putt, ou hidromasaxe e piscina termal no Balneario de Carballo.

Os interesados e interesadas, poden descargar o programa de actividades ao completo nun tríptico informativo en pdf dispoñible nesta mesma nova.

Compartir: