Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Verán Cultural ofrece actividades de...

NOITES DE CINE: 16 PROXECCIÓNS NA VILA E NAS PARROQUIAS

O Verán Cultural ofrece actividades de lecer gratuítas en xullo e agosto con teatro, música, maxia, festivais, exposicións e cursos

Venres 6 de xullo do 2012

Agrupando as citas por bloques temáticos, a música é unha das principais protagonistas, con especial atención á música folk, pero tamén con música independente ou incluso mesturando o rock e a música clásica. A primeira delas encádrase no VIII Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), cun concerto de Xoán Curiel titulado "Magnético Zen" o xoves 19 de xullo ás 22.30 horas na Cervexería Dublín. O venres 20 e sábado 21 é a quenda do Festival Sereas e Piratas, que cumpre sete anos ampliando o seu programa e unindo a música, o deporte e a praia de Razo. O venres 27 de xullo a Orquestra Sinfónica de Melide e o grupo carballés The Cerne ofrecen un Concerto conmemorativo polo 25 aniversario de La Voz de Carballo, coa colaboración da Agadic. Baixo o título "Bandas sonoras" o rock e a música clásica mestúranse nas máis célebres melodías do cine. Xa en agosto, o venres 10 a nova formación aCadaCanto presenta o seu primeiro traballo arredor da música folk, mentres que o venres 17 a cantante Uxía presenta o seu traballo "Meu canto", co que conmemora os seus 25 anos de carreira. Por último, como cada ano, o Festival de Música e Baile Tradicional pecha o Verán Cultural o venres 24 de agosto.

Monicreques e malabares para os cativos e cativas

Os cativos e cativas tamén contan sempre cun espazo especial no Verán Cultural. Teñen dúas citas específicas ás 20.00 horas no Xardín Municipal. A primeira é o venres 13 de xullo cos monicreques de Pés Ceibes e "Pim pam"; e a segunda o venres 17 co malabarista Roi Sixto e "O cagabolas". A maxia sempre está presente no programa, este ano co Mago Rafa e "Imaxínate", o venres 3 de agosto ás 22.30 horas nunha proposta para nenos e adultos. Tamén está sempre presente o teatro, neste caso con Las huellas de la Barraca, a Aula de Teatro da Universidade de Sevilla que visita Carballo por segunda vez, e In Vitro, Teatro da Universidade de Jaén. O venres 20 de xullo levan á escea "El bobo del colegio", de Lope de Vega, nun proxecto escénico do Ministerio de Cultura. Para rematar, e como cada ano, entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto celébrase a Praza dos Libros, con catro días de animación relacionados coa lectura patrocinados por Conservas Calvo e La Caixa. O Verán Cultural complétase coa celebracion de dous cursos de verán da UDC: "A evolución do turismo no marco da sociedade global" (do 10 ao 13 de xullo) e o VIII Curso de Verán sobre Normalización Lingüística (do 18 ao 20 de xullo), os dous no Fórum Carballo. No apartado de exposicións, "Obras por descubrir" pode verse na sala de exposicións Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura até o 30 de xullo.

Luciano Calvo, na rolda de prensa en representación de Conservas Calvo, manifestou a súa "obriga de contribuír para minimizar a penuria económica que non sabemos cando vai cesar", e manifestou a súa vontade de "dentro das nosas posibilidades seguir colaborando co Concello". O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou que "todos os carballeses e carballesas estamos tremendamente agradecidos de que Conservas Calvo sexa promotor da difusión do libro e da cultura", e estendeu ese agradecemento a todos os patrocinadores do programa, desexando que a xente "se achegue e desfrute de Carballo", especialmente "cando despidamos o inverno e o verán sexa verán". Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

* A organización quere aclarar que en caso de choiva, as actuacións previstas na Praza do Concello trasladaranse ao Pazo da Cultura, con entrada igualmente gratuíta ata completar o aforo.

Compartir: