Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello recibe o proxecto básico e de...

A ADMINISTRACIÓN LOCAL AXILIZARÁ OS TRÁMITES NECESARIOS

O Concello recibe o proxecto básico e de execución para as obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal

Luns 9 de xullo do 2012

A ampliación ten sufrido varios atrasos, o último deles segundo explicou no seu momento o responsable da Secretaría Xeral Técnica de Educación, Jesús Oitavén Barcala, debido a que foi necesaria a revisión do proxecto inicial, elaborado no verán de 2011, para subsanar certas deficiencias. A actuación inclúe a construción dun soportal cuberto e a creación de zonas comúns, como salas de profesores, aínda que a xestión administrativa realizaríase dende as instalacións xa existentes. Suporá a creación de nove unidades de Educación Infantil, con servizos integrados e totalmente equipadas, dun máximo de 25 nenos e nenas cada unha, polo tanto, crearíanse 225 novas prazas. As unidades estarían distribuídas en 3 para cativos e cativas de 3 anos; 3 para escolares de 4 anos; e 3 para nenos e nenas de 5 anos. O CEIP Bergantiños de Carballo conta con preto de 600 alumnos e alumnas matriculados no presente curso e ofrece servizos como o programa Concilia, que permite a asistencia dende as 7.30 horas con posibilidade de almorzo no colexio; un servizo de comedor con catering ao mediodía; ou o programa PROA no que se imparten clases de 17.30 a 19.30 horas para mellorar o rendemento escolar do alumnado con baixos resultados académicos.

Compartir: