Inicio Carballo ao día Hemeroteca O II Curso de Verán sobre turismo da UDC...

NO FÓRUM CARBALLO ENTRE O MARTES 10 E O VENRES 13 DE XULLO

O II Curso de Verán sobre turismo da UDC ten a vocación de ser un xermolo para a dinamización do sector na Costa da Morte

Martes 10 de xullo do 2012

En representación de Aptcm, Manuel Pan cualificou a iniciativa como "moi interesante", ao igual que a primeira edición celebrada o ano pasado, tamén en Carballo. Para Pan, a Costa da Morte é "un destino sen planificar, con moitas ideas e retos por diante", entre eles o de "crear un órgano de xestión para o turismo". Segundo Pan, "temos moito que facer e vainos facer falta moita axuda", axuda como a que este curso pode ofrecer. Despois da inauguración, pola tarde foi o encargado de presentar o proxecto "Galicia en color", unha iniciativa que favorece o encontro dos miles e miles de voluntarios e voluntarias que hai dez anos traballaron a prol de Galicia despois do afundimento do "Prestige". Porén, a conferencia inaugural correu a cargo de Alfredo Ouro da escola de negocios ESADE, quen falou sobre a "Innovación aplicada a produtos turísticos" amosando os seus coñecementos cun caso práctico: <Hall Street>. Hall Street é unha web coa que os clientes poden negociar o prezo das habitacións directamente cos hoteis e coa que vender ese servizo a quen o desexen se queren cancelar a súa estadía ou incluso cederlla a outra persoa. A única condición é que o prezo da habitación abónase directamente no momento da reserva.

Segundo Ouro este sistema permite inxectar liquidez nos hoteis de forma inmediata, abarata os custes para o usuario, que pode "regatear" o prezo dependendo dos seus intereses, e que, ademais, fai que o cliente estea en condicións de conservar o seu investimento, ou incluso gañar cartos, dependendo da demanda, se ao final decide cancelar a súa viaxe. Esta iniciativa está concibida como o primeiro mercado libre de habitacións de hotel e espertou a curiosidade dos asistentes ao curso, especialmente dos profesionais. A primeira xornada completouse con Manuel Gago, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que falou sobre "Hábitos, estratexias e perfís do turista gastronómico en Internet"; con José Ramón García Guinarte, xerente da Mancomunidade de Municipios do Salnés, que falou sobre "Recursos tecnolóxicos ao servizo do turismo"; cunha intervención sobre o novo portal de promoción turística <www.sientegalicia.com> por parte das súas responsables Noelia Pérez e Jeina González; e pechouse con Jacobo Chouza e Ángela Rodríguez que falaron sobre <www.buydeal.es>, unha nova forma de planificar o tempo de ocio.

Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, que se mantén até o venres 13 de xullo, poden facelo descargando un documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: