Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum acolle a primeira xuntanza de...

A SEGUNDA REUNIÓN SERÁ NO MES DE OUTUBRO

O Fórum acolle a primeira xuntanza de traballo do proxecto Rede Xiana 2, destinado á formación para desempregados

Luns 16 de xullo do 2012

Para poder ser entidade sede, os concellos que opten deben cumprir cos requisitos esixidos en cada programa formativo. As familias profesionais previstas para o período 2012-2015 son: Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Agraria, Administración e xestión, Enerxía e auga, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos. A principios do mes de outubro terá lugar a II Reunión de traballo deste proxecto e será cando se coñeza tanto o nome dos concellos encargados de impartir a formación como os cursos que se realizarán en cada un deles. O Concello de Carballo, mediante a súa responsable municipal Milagros Antelo, foi entidade sede dous anos consecutivos, durante 2009 e 2010, no proxecto Rede Xiana 1 impartindo cursos de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en domicilios e Panadería Bolería. Coa realización destes cursos conseguiuse a redución do desemprego na comarca, o aumento do nivel formativo do alumnado e o fomento do autoemprego.

O alumnado beneficiario desta formación estaba en situación de desemprego (maioritariamente de longa duración) e inscrito como demandante no Servizo Público de Emprego, eran maiores de 18 anos, e residían nalgún dos concellos pertencentes á comarca de Bergantiños e Arteixo, concello tamén incluído na área de Carballo naqueles anos. Mediante estas actividades formativas pretendeuse mellorar a calidade de vida, contribuír á creación de emprego, ao desenvolvemento económico e cohesión económica e social da nosa comarca, ademais de mellorar a oferta dos servizos, o coñecemento das necesidades da cidadanía e dos axentes económicos do territorio.

Compartir: