Inicio Carballo ao día Hemeroteca A UDC reflexiona sobre dinamización...

CURSO DE VERÁN: 18, 19 E 20 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

A UDC reflexiona sobre dinamización lingüística e xustiza social xa que "coa lingua podemos cambiar aspectos da sociedade"

Mércores 18 de xullo do 2012

Durante a apertura tamén interviron a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e Normalizador do Concello de Carballo, Nel Vidal Barral. Sanmartín resumiu os obxectivos do curso de verán, entre os que se atopa a vontade de ligar "a loita do galego con todas as linguas dominadas do planeta e con todas as causas de xustiza social". Como en anos anteriores, a metodoloxía do curso non se centra só en relatorios e mesas redondas, senón que establece grupos de traballo "para non vir só a escoitar, senón tamén a achegar propostas" e finalmente "elaborar conclusións básicas que cremos que deben ser transmitidas". Por último, Goretti Sanmartín subliñou a vontade do curso de "introducir cuestións provocadoras e saír dos tópicos", achegando "propostas arriscadas que nos movan". Pola súa banda, Nel Vidal quixo recoñecer o compromiso dos asistentes de "dedicar tres días do verán á análise da normalización lingüística". Para el, a relación entre a normalización e a xustiza social era "unha materia pendente na que temos que mellorar" e o curso é a ferramenta axeitada para facelo.

Programa do mércores 18 e o xoves 19 de xullo

Despois da inauguración do curso, o programa continuou cunha análise sobre sustentabilidade lingüística desde a perspectiva da xustiza social a cargo do profesor da Universidade de Barcelona Père Comellas. A continuación, o maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo e voceiro do colectivo Xuíces para a Democracia, Luís Villares, falou sobre legalidade e lexitimidade e sobre a xustiza social e a xustiza xurídica, vinculando así a normalización da lingua galega coa lexitimidade e a xustiza. Xa pola tarde, activistas sociais de diferentes ámbitos, como o ecoloxismo, a emigración, o sindicalismo, o feminismo, etc., participan nunha mesa redonda co título "Pódese ser feminista e non defender o galego? Pódese defender o galego e non ser ecoloxista? Sobre coherencia e ligazón de causas". O día finaliza co desenvolvemento de diversos grupos de traballo.

O xoves 19 de xullo a activista no ámbito das liberdades sexuais Lucía Vázquez falará sobre liberdades sexuais, xustiza e defensa da diversidade lingüística, e a continuación, o profesor e activista Séchu Sende falará sobre a súa experiencia nos movementos sociais en relación coa lingua, o activismo e a intervención. Xa pola tarde, haberá unha mesa redonda sobre lingua e conexión de causas xustas no asociacionismo local, na que participarán representantes de diversos colectivos de Carballo, como son Senda Nova (ecoloxista), Adiante (cooperación), Proxectando (xuvenil) e Ceibo (asociación de uruguaios/as). Despois dunha nova sesión de grupos de traballo, o día rematará cun concerto do cantautor Xoán Curiel, que terá lugar ás 22.30 horas na Cervexaría Dublín, con entrada libre e gratuíta para quen queira asistir.

Compartir: