Inicio Carballo ao día Hemeroteca Representantes dos sindicatos agrarios piden en...

XUNTANZA CON XÓVENES AGRICULTORES, UNIÓNS AGRARIAS E O SLG

Representantes dos sindicatos agrarios piden en Carballo o apoio dos concellos da comarca para acadar un prezo xusto para o leite

Mércores 18 de xullo do 2012

A campaña conxunta que están desenvolvendo os sindicatos, ademais de en Carballo, ten previsto manter encontros en concellos como Ordes, Lugo, Betanzos, Vilalba, A Mariña, Arzúa, Melide, Monforte, Chantada, Sarria, Lalín e Santa Comba. O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores explican que o rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo diferencial de prezos do leite. Así, en abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9 euros por cada 100 litros, que está un 5,68 por cento por baixo do prezo medio estatal e un 15,06 por cento por baixo do que perciben os produtores andaluces. As diferenzas de prezo entre comunidades autónomas danse incluso entre gandeiros que entregan á mesma empresa. A proposta que pregan que se inclúa nunha moción presentada polas distintas corporacións municipais solicita o seguinte:

-Instar á Xunta de Galicia a que lles esixa aos ministerios de Agricultura e Economía para que non permitan que a distribución francesa e alemana nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a custa de arruinar zonas produtoras como Galicia.

- Solicitar do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo que lidere, como máximo responsable da Comunidade Autónoma con maior produción de leite do Estado, o impulso de normativas, como a do Contrato Lácteo, que permitan a negociación colectiva de prezos a través de organizacións de produtores.

- Pedir ao presidente da corporación municipal que subscriba a moción que traslade á Consellería de Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de terra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a súa rendibilidade e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.

Compartir: