Inicio Carballo ao día Hemeroteca Mais de 130 deportistas participan en Razo no...

NA EXPLANADA: SÁBADO 21 E DOMINGO 22 DE XULLO

Mais de 130 deportistas participan en Razo no Campionato Galego de Salvamento Deportivo - Memorial Carlos Servando

Xoves 19 de xullo do 2012

A organización, coa que tamén colaboran a FESSGA (Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia), Protección Civil de Carballo, a Fundación Deporte Galego e a Deputación da Coruña. quere destacar a espectacularidade que adquire a proba ao celebrarse na praia de Razo, non só porque está prevista a presenza dos mellores deportistas galegos na disciplina, senón porque trátase dunha cita en mar aberto, nun areal con correntes e oleaxe, o que contribuirá a mellorar a proba ao incrementarse a dificultade. Así mesmo, esta dificultade servirá para preparar aos deportistas para a proba do Campionato de España que se celebra o 28 e 29 de xullo en Cantabria, un motivo máis para que se acheguen a Razo os mellores da disciplina. Dende o SYSCA tamén queren subliñar o feito de recuperar o Memorial Carlos Servando, a primeira competición de salvamento que se celebrou en Galicia, que arrincou nos anos 90 e que non se celebraba dende o ano 2006. Se hai continuidade, o ano que vén a organización espera celebrar unha proba open, aberta a deportistas de toda España.

O obxectivo é darlle pulo a unha cita que estaba medio esquecida e que é moi espectacular para o público, un público que está asegurado, non só porque as predicción meteorolóxicas que avanzan sol, senón porque a praia de Razo será escenario de numerosos eventos culturais e deportivos durante a fin de semana. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo invitar a todos os veciños e veciñas a que vaian a Razo a desfrutar da fin de semana e das múltiples actividades, mentres que Evencio Ferrero desexou, no plano deportivo, "que a proba sirva para que algún galego acade bos resultados no Campionato de España".

Compartir: