Inicio Carballo ao día Hemeroteca Veciños e veciñas de Carballo...

RECEPCIÓN DO ALCALDE NA CASA DO CONCELLO

Veciños e veciñas de Carballo acollen a cinco nenos e nenas saharauis durante o verán a través do programa "Vacacións en paz"

Venres 20 de xullo do 2012

Os cativos e cativas visitaron a Alcaldía acompañados das súas familias de acollida e coa presenza da Concelleira de Benestar, Silvana Castro, ademais da do Rexedor. Dous deles xa viaxan por quinto ano consecutivo -sendo para un a súa derradeira estadía-, mentres que outros dous viven a experiencia por primeira vez e unha das nenas xa saíra a través doutro programa a pasar un verán a Italia, aínda que nunca estivera en Galicia. Para os novos, a adaptación os primeiros días é difícil, aínda que despois dun tempo xa se familiarizan coa contorna e incluso empezan a dicir as primeiras verbas no idioma. Así, os máis expertos intercambiaron unhas palabras co Alcalde, que lles entregou no nome do Concello unha bolsa-regalo que contiña unha mochila e material escolar, un presente que os nenos e nenas recibiron con timidez. As familias, algunhas delas veteranas no programa, manifestaron a súa alegría de poder contar con estes visitantes e incluso contaron anécdotas como que algún está continuamente metido no mar cada vez que pode ir á praia. A estadía remata a primeiros de setembro, cando os cativos e cativas volverán ao Sáhara. O programa "Vacacións en paz" pretende promover, entre a sociedade galega, os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade, así como evitar a estadía dos beneficiarios nos campamentos durante os meses de xullo e agosto por teren as temperaturas máis altas (máis de 50º).

Compartir: