Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VIII Curso de Verán "Traballando en...

UN DOS OBXECTIVOS SERÁ APOSTAR POLAS INICIATIVAS LOCAIS

O VIII Curso de Verán "Traballando en lingua" conclúe que cómpre consolidar a normalización lingüística como causa xusta

Venres 20 de xullo do 2012

Entre as conclusión tamén xurdiu a idea de que é necesario afondar máis nos cambios producidos no imaxinario colectivo respecto da percepción do galego, xa que a facilidade con que ás veces se bota por terra o traballo feito a prol da normalización pode implicar certa superficialidade nas iniciativas ou nas campañas realizadas, e un dos obxectivos debe ser o de "mover actitudes" e eliminar prexuízos. Pola súa banda, Sanmartín tamén achegou a idea de que hai que "tentar neste momento unir a defensa do galego á conciencia de clase", e reforzar "a lealdade lingüística da cidadanía anónima", así como consolidar a penetración do idioma nalgúns medios coma o rural. Durante estes días tamén se falou sobre a importancia da existencia dos Servizos de Normalización Lingüística, que continúa sendo necesaria para empregar os recursos humanos para concretar medidas. Por último, a crise tamén estivo presente, coa idea de que a defensa de causas xustas como a igualdade de xénero, o ecoloxismo ou a normalización lingüística poden semellar secundarias para a cidadanía nuns tempos en que as preocupacións pola economía e o benestar acaparan as preocupacións da sociedade. Porén, hai que seguir traballando para "reforzar e defender" os avances conseguidos en materia de normalización.

A clausura definitiva do curso correu a cargo de Astrid Agenjo que falou sobre "Tempos para a sustentabilidade da vida: lecturas feministas da crise e propostas de transformación". No peche estiveron presentes o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, así como varios representantes da corporación local, como a Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; a Concelleira de Benestar Silvana Castro; ou a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

Compartir: