Inicio Carballo ao día Hemeroteca The Cerne e a Orquestra Sinfónica de...

VENRES 27 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

The Cerne e a Orquestra Sinfónica de Melide compoñen na Praza do Concello a "banda sonora" do Verán Cultural

Martes 24 de xullo do 2012

A Orquestra Sinfónica de Melide nace a finais de 1993, no seo do Conservatorio de Música de Melide. Integrada inicialmente por alumnos do Conservatorio, evoluciona nos últimos tempos cara a un maior profesionalismo e madureza, o que lle permite afrontar proxectos artísticos e musicais cada vez máis complexos. Formación dun gran dinamismo, fortemente consolidada, de referencia musical galega inescusable -considerada pola crítica como a terceira grande orquestra de Galicia-, realiza concertos periódicos na vila e participa nas actividades culturais de máis relevo, atendendo sobre todo á formación didáctico-musical da xuventude da bisbarra cos seus concertos para escolares. Fiel á súa filosofía de apostar polos valores musicais autóctonos, estrea numerosas obras de autores galegos e invita a solistas de contrastado renome, especialmente nos xa tradicionais Concertos de Nadal.

No caso da formación carballesa The Cerne, fórmase no ano 2005 coa intención de lembrar vellos tempos musicais coa xuntanza duns amigos que tiñan percorrido e formado parte dalgún dos grupos pioneiros do pop rock en Carballo (Helium, Trámites, Distrito 15100, Meigasfora, etc.). A idea era pasalo ben, ensaiando basicamente unha serie de temas versionados de grupos que gustaban a cada un dos compoñentes e pouco a pouco ir facendo temas propios e recuperando algun dos tocados nos anteriores grupos, sempre mantendo un estilo homoxéneo baseado na musica dos anos '70 e '80 dos grandes xenios (Dire Straits, Gary Moore, Police, Pink Floyd, etc.). A formación actual é a seguinte: Belén (voz), Roberto (guitarra) Joaquín (batería), Fran (baixo-voz), Manolo (teclados) e Guillermo (guitarra-voz), aínda que desde os comezos da formación, as colaboracións tanto instrumentais como de voces foron unha tónica que se utilizou para diversificar o contido das versións, como nalgunha ocasión a incorporación das Cantareiras de Verdillo para interpretar temas de The Police ou Guns&Roses.

Compartir: