Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum estrea a súa oferta...

ESTÁN INCLUÍDOS NO PLAN AFD DA XUNTA DE GALICIA

O Fórum estrea a súa oferta formativa desenvolvendo dous cursos de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados

Xoves 26 de xullo do 2012

Respecto do proceso de homologación das especialidades formativas que se impartirán no recinto, o Concello está tramitando a aprobación de 15, ademais das oito xa concedidas a primeiros do pasado mes de maio e que son: cociña, caldereiro industrial, deseñador web e multimedia, ebanista, soldador de estruturas metálicas, xefe de sala-maître, informática de usuario e cachoteiro. As quince que se están tramitando son: soldadura oxigás e mig/mag, montador de estruturas metálicas, soldadura con electrodo revestido e tig, operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante-bar, servizos de bar e cafetería, control de proxectos e obras de construción, colocación de pedra natural, administración de servizos de Internet, programación de sistemas informáticos, instalación de mobles, montaxe de mobles e carpintaría, mantemento de elementos non estruturais de carrozaría de vehículos, operador auxiliar de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios e montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.

Hai que lembrar que recinto Fórum Carballo conta cun total de cinco edificios dos que tres están destinados especificamente a acoller talleres formativos: as naves 3, 4 e 5. A 3 está reservada para os talleres de soldadura e pintura, módulos de electricidade e un taller de automoción. No edificio 4 atópanse as instalacións para o sector da hostalería e para os obradoiros de carpintaría de madeira e metálica, ademais de aulas e servizos asociados. Por último, no edificio 5 está a área dedicada á construción, cun espazo para o taller de canteiría, e unha aula de informática. A actividade na nave 1 do Fórum xa principiou a primeiros do mes de xullo coa celebración de tres cursos de verán da Universidade da Coruña (UDC) que aproveitaron as instalacións do auditorio e que acolleron a numeroso alumnado da UDC da Escola de Arquitectura, a profesionais do turismo ou a expertos en normalización e dinamización lingüística.

Compartir: