Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación aborda a...

DEBATERASE UNHA MOCIÓN SOBRE OS RECORTES NO RÉXIME LOCAL

O pleno da corporación aborda a supresión da paga extraordinaria de decembro de 2012 para os cargos electos con retribución

Venres 27 de xullo do 2012

O resto dos puntos de debate da orde do día céntranse en diferentes mocións presentadas polos sindicatos agrarios, os grupos de BNG, TEGA e PSOE de forma conxunta, e outra proposta conxunta subscrita por BNG e TEGA. Neste último caso, trátase dunha proposta que rexeita as medidas do goberno do PP no Estado que implican a redución no número de concelleiros e concelleiras, xa que alega se reduce o pluralismo político, a necesaria participación na xestión municipal e non significa aforro económico ningún por canto a inmensa maioría de concelleiras e concelleiros non perciben retribucións económicas. Así mesmo, demanda a supresión das Deputacións provinciais pasando as súas funcións a concellos e Xunta de Galiza, o que implicaría un importante aforro económico e maior eficiencia na xestión. Tamén rexeita as medidas de Reforma da Lei de Bases de Réxime Local que potencian as Deputacións provinciais e oponse a cargar sobre as funcionarios e funcionarios públicos e sobre a cidadanía a crise económica, con medidas (somo a suba do IVE ou o recorte na prestación de desemprego) que conlevarán unha redución da capacidade adquisitiva e unha caída no consumo e na actividade económica que prexudicará gravemente ao comercio e á actividade económica local.

A moción conxunta presentada por BNG, TEGA e PSOE recolle a petición do Concello de Carballo para instar á Xunta de Galicia a revocar a súa determinación de suprimir as funcións das oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade e a que se renoven os convenios asinados ata o de agora. Así, a partires do 31 de decembro de 2012 non será posible seguir liquidando taxas na oficina do Rexistro de Carballo, e será necesario realizar as xestións na Coruña, co conseguinte prexuízo para os veciños e veciñas e a redución na eficiencia e no importe dos ingresos, minguándose aínda máis as competencias dos gobernos locais. Respecto da moción presentada en nome dos sindicatos agrarios (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores), pretende reivindicar ante a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura un prezo do leite igual ao do resto das comunidades autónomas, xa que en Galicia é o máis baixo de todo o Estado e incluso da Unión Europea. Así, en abril de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,9 euros por cada 100 litros, que está un 5,68 por cento por baixo do prezo medio estatal e un 15,06 por cento por baixo do que perciben os produtores andaluces. Ademais, solicitan que non se permita que a distribución francesa e alemana trate ao sector galego como o sumidoiro para a súa produción láctea a custa de arruinar outras zonas, como a galega.

Por último, no punto referido ao seguimento de órganos de Goberno, dáse conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei de loita contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2012. Así, entre o 1 de abril de o 30 de xuño abonáronse dentro de prazo 835 facturas por 1.722.135,73 euros. Fóra de prazo, pagáronse 148 por 193.142.01 euros. Os abonos dentro de prazo teñen unha media de pago de 9,13 días, mentres que no pago excedido a media é de 50,08 días. Ao finalizar o trimestre, hai tan só 11 facturas pendentes de pago por 11.680,53 euros. Facturas pendentes de pago con máis de tres meses de antigüidade hai 6, por 7.936,40 euros; na maioría dos casos non se procedeu ao abono por non contarse con toda a documentación pertinente, como os xustificantes correspondentes.

Compartir: