Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unanimidade do pleno para dúas...

LUZ VERDE AO CONTRATO DO ENSINO DE VIOLÍN PARA O CONSERVATORIO

Unanimidade do pleno para dúas mocións: unha suprime a paga extra dos concelleiros con dedicación e outra apoia aos gandeiros

Martes 31 de xullo do 2012

O BNG, TEGA e PSOE apoiaron unha moción conxunta presentada para instar á Xunta de Galicia a revocar a súa determinación de suprimir as funcións das oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade e a que se renoven os convenios asinados ata o de agora. Así, a partires do 31 de decembro de 2012 non será posible seguir liquidando taxas na oficina do Rexistro de Carballo. Os mesmos grupos votaron a favor dunha moción de BNG e TEGA que rexeita as medidas do goberno do PP no Estado que implican a redución no número de concelleiros e concelleiras, xa que alega que se reduce o pluralismo político, a necesaria participación na xestión municipal e non significa aforro económico ningún por canto a inmensa maioría de concelleiras e concelleiros non perciben retribucións económicas. Así mesmo, demanda a supresión das Deputacións provinciais pasando as súas funcións a concellos e Xunta de Galiza, o que implicaría un importante aforro económico e maior eficiencia na xestión. Tamén rexeita as medidas de Reforma da Lei de Bases de Réxime Local que potencian as Deputacións provinciais e oponse a cargar sobre as funcionarioas e funcionarios públicos e sobre a cidadanía a crise económica.

Por último, aprobouse por unanimidade a modificación dos integrantes da Mesa Local de Comercio para adaptar a súa composición ás novas directrices establecidas pola Xunta. Así, a representación municipal recollía a presenza de dous membros do grupo de goberno e un do grupo maioritario da oposición. A partir de agora haberá un de cada grupo: o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, polo BNG; e o concelleiro Miguel Ángel Ferreiro, polo PP. E deuse conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei de loita contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2012. Así, entre o 1 de abril de o 30 de xuño abonáronse dentro de prazo 835 facturas por 1.722.135,73 euros. Fóra de prazo, pagáronse 148 por 193.142.01 euros.

Xunta de Goberno Local

No que respecta á sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o martes 31 de xullo, supuxo a aprobación do expediente de contratación do "Servizo de ensino para a especialidade de violín que se está a prestar por parte do Concello de Carballo no Conservatorio Profesional de Música". O orzamento previsto do contrato é de 11.250 euros anuais, cunha duración inicial de dous anos. Os criterios de adxudicación inclúen a oferta económica, a formación docente e méritos. No apartado de subvencións, recibiu luz verde a adxudicación de 18 subvencións a entidades para a Cabalgata de Reis 2012 por un importe de 6.251,11 euros. No que respecta a convenios, aprobouse un de colaboración entre a ANPA A Braña do CEIP Canosa-Rus e o Concello de Carballo para a realización de actividades educativas no ano 2012 co obxectivo de promover a realización de programas educativos, culturais e de lecer destinados á infancia e xuventude de caracter extraescolar, actividades nas que participan nenos e nenas e veciños e veciñas das parroquias de Rus e Entrecruces, principalmente o alumnado do CEIP Canosa-Rus. Por último, a Xunta de Goberno supuxo luz verde para dúas licenzas de obra, unha de obra e apertura, unha de primeira ocupación e un proxecto de execución para unha vivenda en Rebordelos.

Compartir: