Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pasa o ecuador dos labores de desbroce...

A BRIGADA DE OBRAS TEN ATENDIDO 768 AVISOS NO QUE VAI DE 2012

O Concello pasa o ecuador dos labores de desbroce das vías do municipio, nos que se percorre o casco urbano e as parroquias

Venres 3 de agosto do 2012

A segunda petición máis demandada polos carballeses e carballesas está relacionada co programa Carballo Limpo, con 307 avisos no que vai de ano e 64 no que levamos de verán. Carballo Limpo comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza, e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Inclúe, así mesmo, os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón pregado a pé de porta. Outras peticións dos veciños e veciñas durante o ano 2012 céntranse en arranxos e melloras nos servizos de auga, luz ou teléfono (62), en arranxos no sistema viario (26), no deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal (7) e nos erros ou deterioro nos sinais informativos e de tráfico (4 avisos). Por parroquias, séguese a tendencia habitual pola que a capital municipal acapara a maioría das demandas, seguida de Sofán e Rus. Onde se teñen rexistrado menos é en Goiáns, Vilela e Aldemunde. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

Compartir: