Inicio Carballo ao día Hemeroteca Do rap aos arrolos, da literatura ao pan, na...

FEIRA LITERARIA NO XARDÍN MUNICIPAL

Do rap aos arrolos, da literatura ao pan, na Praza dos Libros de Carballo: entre o 23 e o 26 de agosto

Venres 17 de agosto do 2012

A animación principia o xoves 23 ás 19.30 horas, coa presentación de dous libros sobre lingua. Trátase de "Outramente" (Laiovento), de Pilar García Negro, e "Lingua e variación dialectal" (Laiovento), de Xosé Manuel Sánchez Rei. E o mesmo día, ás 20.30 horas, Manuel Iglesias Turnes presenta o seu primeiro libro, "As rapazas de Xan" (Xerais), que xa se converteu nun dos máis vendidos do ano. O venres 24 xa pola mañá, ás 12.30 horas, a actriz e escritora Paula Carballeira presenta o seu último libro, "O Principio" (Kalandraka), e faino a través dunha sesión de contacontos para nenas e nenos. Xa pola tarde, ás 19.30 horas, preséntanse dous novos libros infantís, concretamente de poesía infantil, e escritos por dúas persoas de Cee: Rafa Villar, que presenta "Patente de corso" (Embora), e María Canosa, que presenta "Acuario" (Embora) E a continuación, ás 20.30 horas, mais poesía, neste caso xa para adultos e por parte dunha escritora local, Rosalía Fernández Rial, que a través dun espectáculo poético musical presenta "Vinte en escena (Positivas)", o seu novo libro, ilustrado tamén por dous artistas de Carballo, Mon Lendoiro e Chiña.

O sábado 25 ás 12.30 horas ten lugar unha das iniciativas máis novidosas desta edición da Praza dos Libros: un concerto de nanas para bebés, nais e pais, da man do cantante e músico Xabier Díaz e do guitarrista Guillerme Fernández (ambos membros de grupos como Berrogüeto ou aCadaCanto), que presentan en concerto o disco "Arrolos de salitre". Ese mesmo sábado 25, xa pola tarde, ás 20.30 horas, presentanse dúas obras recollidas nun mesmo libro feito en Carballo. Trátase do poemario "Primavera de navallas", de Xurxo Chapela, e mais da obra de teatro "Solpor en Waterloo", de Xosé Manuel García. E o último día, o domingo 26, ás 12.30 horas, volve á Praza dos Libros un dos escritores máis sobranceiros do noso país: Xosé Neira Vilas. Despois do éxito do ano pasado, onde estivo dúas horas asinando libros, este ano presentará a súa última novela, "Esperando o leiteiro" (Galaxia). Xusto antes desa presentación, ás 12.00 horas, diversos autores de Carballo asinan exemplares do libro conxunto "Follas de Carballo" (Lumieira), que editou a asociación cultural Lumieira, asinado por Farruco Graña, Cabeza Quiles, Henrique Mariño, Ignacio Silva, Rosalía Fernández Rial, Xurxo Borrazás e Xurxo Chapela.

O domingo pola tarde presentaranse dúas novidosas e exitosas creacións culturais galegas: unha película de animación e un disco de rap. Ás 19.30 horas preséntase o cómic e mais o filme de animación "Engurras". O cómic de Paco Roca, que agora se edita en galego, obtivo o premio nacional de banda deseñada en 2008 e a película que gañou este mesmo ano dous premios Goya. E, para pechar o programa da Praza dos Libros, haberá un concerto da exitosa rapeira Aid, no cal interpretará diversos poemas clásicos galegos en clave de rap, que están recollidos no seu disco "Rapoemas". Nunca antes se escoitara a Rosalía ou a Curros con tanto ritmo e forza!

Animación a diario para os máis cativos/as

E todos os días na Praza dos Libros haberá moita, moita animación para os/as máis peques. Así, xa o xoves 23 pola mañá estará a Ciclobiblioteca, con contacontos espontáneos, e" ás 18.30 horas haberá un contacontos de Anxo Moure, "Contos da Meiga Sobreira. O venres 24 pola mañá tamén hai contacontos de Paula Carballeira, e ás 18.30 horas ten lugar un obradoiro de reciclaxe de camisolas e creación literaria, no que as nenas e os nenos teñen que levar unha camiseta branca e alí aprenden a decorala. O sábado 25, ás 19.30 horas, hai teatro infantil: Catalina, "Lino, Lina", por parte da compañía Glub Glub. E, o domingo 26, pola mañá tamén hai contos espontáneos na Ciclobiblioteca, e pola tarde, ás 18.30 horas, "Graciano Zoqueiro, trasniño gaiteiro", de Anxo Moure.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo da Praza dos Libros 2012 nun programa en pdf nesta mesma nova.

Compartir: