Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello solicita un obradoiro de emprego de...

O FÓRUM XA ACOLLE AS PRÁCTICAS DO CURSO DE SOLDADURA

O Concello solicita un obradoiro de emprego de hostalería ao abeiro dos programas de formación da Xunta para 2012

Venres 24 de agosto do 2012

Así mesmo, no plano formativo hai que lembrar que un total de 15 alumnos desenvolven xa a parte práctica do primeiro curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados de 653 horas de duración dos dous que acolle o Fórum Carballo ata mediados de decembro e que están incluídos no Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia. Con esta actividade -que comezou a primeiros de agosto- o Fórum Carballo principiou a impartir a súa oferta formativa e a actividade nos talleres do complexo. O curso conta cun módulo de riscos laborais obrigatorio e cos contidos establecidos no convenio sobre seguridade e saúde, técnicas básicas de prevención, primeiros auxilios e dereitos e obrigas dos traballadores, así como un módulo de inserción laboral e outro de igualdade de oportunidades. A parte práctica céntrase no corte para construcións metálicas e outras actividades relacionadas coa soldadura. A maioría dos 15 participantes son de Carballo, aínda que hai un coruñés residente na vila e alumnos de toda a comarca de Bergantiños de lugares como Malpica, Coristanco ou Corme (Ponteceso). A segunda acción formativa de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras comeza o 11 de setembro e contará con 458 horas de duración. Entre o orzamento de formación e o módulo de axudas estas dúas actividades teñen unha subvención de 168.461,65 euros.

Hai que lembrar, así mesmo que a primeiros de agosto un total de 18 persoas participaron no recinto do Fórum nun Curso de formación inicial en prevención de riscos laborais do sector da construción organizado polo Concello en colaboración coa empresa Bergantiños Solucións Laborais SL. A iniciativa estivo especialmente dirixida a traballadores do metal e do vidro. Aínda que a maioría dos inscritos procedían de Carballo, tamén hai que subliñar a presenza de persoas de toda a comarca de Bergantiños, de Coristanco, A Laracha ou Malpica, e incluso de Arteixo ou A Coruña. O curso estaba dirixido a maiores de 16 anos, habendo representación de idades moi diversas, e a maioría dos participantes procederon do sector da construción, aínda que tamén houbo inscritos do sector específico do metal. O curso estaba dirixido tanto a desempregados como a persoas con traballo, e dende o Centro de Formación subliñan o esforzo que fixeron cinco dos inscritos que dedicaron un día da súa xornada laboral para participar nesta actividade formativa a pesares da situación económica. Os participantes poden tramitar, unha vez finalizada a formación, a tarxeta profesional da construción (TPC).

Compartir: