Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Alcalde recibe aos participantes no encontro do...

COn ENTIDADES DE CARBALLO, ITALIA, ESLOVAQUIA, FRANCIA E GRECIA

O Alcalde recibe aos participantes no encontro do proxecto europeo "Práctica deportiva e inclusión social"

Luns 27 de agosto do 2012

A recepción tamén serviu para realizar un intercambio de agasallos. Así, o Alcalde obsequiou aos integrantes do proxecto cun molete de Pan de Carballo "que alimenta o corpo e as ideas" e que "simboliza a amizade entre os pobos", ademais da guía Carballo Deporte e un libro sobre roteiros. Unha das representantes de Eslovaquia tamén quixo ofrecer un lote de libros e folletos con información sobre o seu país, e dende Italia entregaron unha botella de viño. A delegación estranxeira do proxecto "Práctica deportiva e inclusión social" manifestou o interese desta experiencia para "comparar as situacións dos diferentes países", así como para "compartir ideas, problemas e solucións sobre os mesmos temas". Engadiron que levarán "unha agradable lembranza dunha boa semana" nesta "cidade pequena", pero que conta "cunha boa organización e un grande proxecto" do que aprender a través de Xiria. Hai que mencionar que o proxecto "Práctica deportiva e inclusión social" persegue mellorar os servizos das entidades participantes, potenciando a comunicación coas entidades locais, distribuíndo os principios do Libro Branco sobre o Deporte nos contextos das entidades a partir dos aspectos sociais da práctica deportiva e os conceptos de democracia e cidadanía, proporcionando novas oportunidades para as persoas con menos posibilidades e involucrando ao maior número de profesionais arredor desta temática.

No caso de Carballo e Xiria, o encontro leva por título "O deporte como elemento educativo e dinamizador socio-cultural" e nel preténdense dar unha visión do deporte desde diferentes puntos de vista profundizando no funcionamento das entidades deportivas. Ademais do organizador Escolas de Balonmán Xiria, e das demais entidades participantes no proxecto (France Amérique Latine de Paris, Centro Rexional Xuvenil de Kosice, Filoxenia de Corinto e AC Enzimistudio de Turín), toman parte diferentes asociacións da zona como Aspaber, a Asociación Xuvenil Proxectando e Vieiro, contando coa colaboración do departamento de deportes da Universidade da Coruña e do Concello de Carballo. As actividades inclúen o desenvolvemento de diferentes obradoiros con temática variada como a inclusión de grupos en risco de exclusión social a través do deporte, a reciclaxe formativa dos monitores, a comunicación das entidades e as vías de financiamento. Está prevista tamén unha visita ás Escolas de Verán que organiza Escolas de Balonmán Xiria e tamén estudarán o patrimonio e a cultura locais. As próximas estadías do proxecto serán en París no mes de novembro e en Turín no mes de febreiro de 2013.

Compartir: