Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e Reave emprenden unha campaña...

HABERÁ UN STAND PROMOCIONAL NA FEIRA DO 9 DE SETEMBRO

O Concello e Reave emprenden unha campaña de reparto de funís para facilitar a recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado

Venres 31 de agosto do 2012

Os colectores laranxas están colocados dende o mes de xullo e Oscar M. Villa e Antonio Pedreira, responsables de Reave, informan de que non teñen realizado máis que unha recollida de botellas, atopando unha media de entre 20 e 30 en cada colector. Lembran aos usuarios que os colectores están pensados para botellas de entre medio litro e dous litros, polo que solicitan que se evite o uso das garrafas de cinco litros. Tamén explican que hai que esperar uns meses para realizar un balance do impacto da iniciativa -pioneira na comarca- aínda que xa teñen recibido a chamada doutros concellos da zona para interesarse polo sistema. Ademais do reparto de funís na feira para tentar estender o seu uso e a reciclaxe do aceite, tamén esperan no futuro repartir embudes nos lugares onde nestes momentos hai colectores de recollida. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, explica que esta campaña é un paso máis "para evitar o desgaste do medio natural" dando a coñecer un servizo "que evita que o aceite chegue á rede de sumidoiros". Tamén felicitou á empresa carballesa, de recente creación, "por desenvolver este tipo de actividade que favorece a creación de empregos".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, declarouse usuario do servizo, e subliñou a importancia de redundar na reciclaxe do aceite de cociña, un dos elementos máis contaminantes. Subliñou a "comodidade" do sistema pola súa limpeza, e manifestou a intención do Concello de seguir "tentando facer políticas sostibles e de defensa do medio ambiente". Ademais de facilitar a recollida nos colectores dos edificios municipais, Reave tamén lles ofrece ás comunidades de veciños da vila a posibilidade de chegar a un acordo e instalar un colector nos seus edificios. O único que deben ter é un espazo para colocar o recipiente, dun metro e medio de alto e medio metro de ancho e de fondo. Nestes momentos empresa xa se encarga nalgunhas comunidades da recollida de forma regular e de xeito totalmente gratuíto. Para obter este servizo, os interesados e interesadas poden contactar con Oscar M. Villa e Antonio Pedreira nos teléfonos 676 829 578 e 676 254 999. Hai que lembrar que o aceite vexetal producido durante a preparación dos alimentos ou presente nas conservas vexetais non se debe tirar polos desaugadoiros, xa que obstrúe as canalizacións provocando graves avarías, contamina a auga prexudicando o medio ambiente e ademais pode dificultar o funcionamento das depuradoras. Por iso, é necesario reciclalo para darlle unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel.

Compartir: