Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo reúnese de...

OS GRUPOS ANALIZARON O DOCUMENTO CO EQUIPO REDACTOR

A Comisión de Urbanismo reúnese de novo o 25 de setembro para comezar a traballar nas propostas para modificar o PXOM

Venres 7 de setembro do 2012

Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM debido á anulación do planeamento aprobado en 2003, unha anulación ratificada por unha sentenza firme do Tribunal Supremo en novembro de 2011. Nestes momentos está vixente unha ordenación transitoria, que terá vixencia ata a aprobación dun novo PXOM, na que se adoptan como referencias principais as normas subsidiarias dos anos 80 para a clasificación do solo e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) para a aplicación das normas urbanísticas correspondentes en cada caso. Así mesmo, o pasado 11 de maio entrou en vigor a suspensión de licenzas decretada para as zonas nas que poderían entrar en colisión a vella normativa e a que está en tramitación nestes momentos. Esta situación, non obstante, non pode prolongarse máis alá de dous anos, polo que antes de maio do 2014 debería estar aprobado o novo documento de forma definitiva. O obxectivo do Goberno local e axilizar os trámites o máis posible, aínda que respectando en todo momento a legalidade e os pasos pertinentes. Unha vez o PXOM reciba a aprobación inicial do pleno, logo deberá ser remitido de novo á Xunta para a súa valoración. Por último, e superados todos os períodos de exposición pública, será de novo o pleno o que se pronuncie sobre a súa ratificación definitiva.

Compartir: