Inicio Carballo ao día Hemeroteca O norteamericano John Paul Keith, cabeza de...

VENRES 21 E SÁBADO 22 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O norteamericano John Paul Keith, cabeza de cartel xunto cos británicos The Breakdowns na XV edición do Festival Xiria Pop

Xoves 13 de setembro do 2012

Xabier Graña explica que, dadas as circunstancias e a conxuntura económica, o cartel do festival é "máis que decente", realizándose un esforzo para manter a calidade dos grupos. Tamén conta algunha anécdota, como que a raíz da actuación de John Paul Keith en Carballo o artista vai acabar facendo unha xira por toda Europa ou que os Busking Folks ofrecéronse a tocar gratis o sábado no Xiria Pop despois de contactar co festival ao tocaren o venres como banda de apoio de Lukah Boo. Dado que o orzamento "é máis curto que o doutros anos", Graña quere agradecer especialmente a colaboración do Concello de Carballo, que subscribe un convenio con O Molete Psicopop para "seguir apostando polo festival". O Alcalde de Carballo, que estivo na presentación da cita en rolda de prensa xunto coa Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e o Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, quixo gabar "a capacidade que ten Xabier de chegar a estes grupos de tanta calidade". Subliña que "como carballeses debemos estar honrados de que a vila siga a ser un lugar de referencia para o pop" e desexou "que as administracións se dean conta de que a cultura tamén é economía". Pérez subliñou que "o Xiria Pop é un valor seguro" porque "é unha referencia a nivel musical", atraendo a "moitísima xente de fóra" para poder "ver a grupos que non se moven nos circuítos habituais".

Actividades paralelas

A pesares de que este ano non estaba prevista a celebración de citas paralelas, fundamentalmente pola falta de medios, segundo explica Xabier Graña, finalmente a Asociación Xuvenil Proxectando ofreceuse a organizar dúas actividades para afondar "na trastenda do rock and roll". A primeira delas é o venres 14 de setembro na Sala Dublín, que acolle ás 22.00 horas a proxección de "Hype! Surviving the Northwest Rock Explosion", un filme de 1996 que conta as claves da escena musical de Seattle nos anos 90. Ao remate haberá unha sesión de disk-jockeys con Mailkel, Dj Misterio e DJ Tin. Ademais, o xoves 20 de setembro ás 21.00 horas o Pazo da Cultura acolle a proxección da película do 2000 "A skin too few: the days of Nick Drake", un documental sobre o cantautor e músico inglés Nick Drake que desenvolveu a súa carreira a principios dos 70 e que, aínda que tivo pouco éxito comercial durante a súa vida, o seu traballo é moi apreciado na actualidade polos críticos e por outros músicos. A entrada para as dúas citas é de balde. Por último, Graña informou da incorporación a última hora dunha nova actividade: a presentación do libro de Xavier Valiño "Veneno en dosis camufladas", unha obra sobre a censura do franquismo nos anos 60 e 70 arredor do mundo do pop e do rock and roll. O autor levará portadas á presentación para poder ilustrar as súas anécdotas. A cita é na propia Sala Dublín o mesmo sábado 22 de setembro a partires das 18.00 horas.

Os interesados en coñecer máis detalles sobre os grupos e novidades do XV Xiria Pop poden facelo na páxina do festival en Facebook: www.facebook.com/XiriaPop, ou na web de Iwanna Management: www.iwanna.org. Tamén é posible descargar o cartel desta edición, realizado polo carballés Pepe Eirín, nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: