Inicio Carballo ao día Hemeroteca Els Joglars pecha a XXI edición do...

É A PRIMEIRA VISITA AO FESTIVAL DA COMPAÑÍA CATALANA

Els Joglars pecha a XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro coa montaxe "El Nacional"

Mércores 19 de setembro do 2012

Cando se estreou en 1993, "El Nacional" foi todo un éxito, concedéndoselle o Premio Nacional de Teatro. Agora, case 20 anos despois, Els Joglars quixo reestrear esta montaxe para celebrar o seu cincuenta aniversario. Neste espectáculo están presentes os elementos máis representativos desta lendaria compañía como o humor, o sarcasmo, a música ou a poesía. "El Nacional" é unha crítica do mundo artístico pero que á vez demostra moito amor por el. Este é un espectáculo moi completo cun amplo equipo no que ademais de nove actores entre os que están "clásicos" como Ramón Fontserè, atópase a soprano Begoña Alberdi e o barítono Enrique Sánchez-Ramos que poñen a voz á ópera "Rigoletto", de Verdi, que forma parte do argumento teatral. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que neste 2012 chega á súa 21 edición, está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo. Nos últimos anos, este evento, que sempre se desenvolve no mes de outubro na localidade de Carballo, foise consolidando como un referente nos festivais de artes escénicas de Galicia

Compartir: