Inicio Carballo ao día Hemeroteca Catro estreas, tres delas en Galicia, e dous...

NOVO SISTEMA DE VENDA DE ENTRADAS: A TRAVÉS DE SERVINOVA.ES

Catro estreas, tres delas en Galicia, e dous Premios do público nun FIOT crítico e centrado nos problemas do século XXI

Sábado 22 de setembro do 2012

A programación de sala transcorre entre o 7 e o 31 de outubro e incrementa a súa oferta en dúas funcións respecto de 2011. Comeza cun Premio do Público concecido en 2006 á compañía vasca Tantakka Teatroa -que presenta "Contra el viento del norte"- e remata cunha das funcións máis esperadas do FIOT, cos celebérrimos Els Joglars, que festexan o seu 50 aniversario con "El Nacional". Entremedias, a esperada segunda coprodución do FIOT con Talía Teatro e "O método Gronhölm"; un Premio Max a espectáculo revelación de 2012 con "En alta mar" dos cántabros La Machina Teatro; a adaptación de Alberto San Juan de "El Montaplatos" para Animalario interpretada por Guillermo Toledo e Jesús Barranco; "A funcion do tequila", proposta de Teatro do Morcego, Premio Rafael Dieste 2011; o regreso de Kamikaze Producciones coa televisiva Carmen Machi e "Juicio a una zorra"; unha montaxe venezolana con Grupo Actoral 80; e a "Viaxe a ningunha parte" de Sarabela Teatro adaptando a Fernando Fernán Gómez. Variedade temática e de compañías plasmada un ano maís nun cartel realizado por Gende Estudio, e que se converte nunha homenaxe ao desaparecido Alberto Gende, "parte fundamental do festival", en verbas de Alberto Sueiro, que contará co seu propio espazo coa exposición "Alberto Gende: dezanove anos de percorrido xuntos", unha mostra retrospectiva dos deseños realizados para o FIOT polo gran creativo carballés.

O ciclo OTNI consolídase cumprindo tres anos dando cabida a proxectos que por formato, contido ou linguaxe teñen un encaixe difícil na programación ordinaria de sala. Os referentes son propostas de carácter contemporáneo e cunha dimensión experimental ou alternativa. Cándido Pazó regresa ao escenario carballés con "Decamerón, historias para tempos ruíns"; os vascos La Cocina ofrecen "Calla y come", finalista nos Premios Max como espectáculo revelación 2011; e por último de Cataluña chega a estrea en Galicia "Fingir" de Colectivo 96º, que conta coa colaboración de Macarena Recuerda, lembrada polos espectadores do OTNI 2011. A animación teatral de rúa converterá de novo o centro carballés en escenarios improvisados e en espazos tomados por actores cheos de historias diversas. E o concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís cumpre xa 12 anos, dando protagonismo aos espectadores máis pequenos, coa intención de promover o teatro e favorecer a súa iniciación e interpretación dramática. Así mesmo, dentro das actividades paralelas hai que subliñar a proposta de Camilo Franco "Queres ser un personaxe teatral?", unha actividade na que os asistentes poderán sacar aos personaxes que levan dentro e axudar a construír outros novos.

14 espectáculos para os 14 anos da Rúa dos Contos

Un ano máis, a Rúa dos Contos, xa un festival con vida propia dentro do FIOT, congrega a artistas coñecidos e tamén novos valores nun popular programa que, xunto a contos, historias e monólogos, ofrece espectáculos de pequeno formato, clown, música, maxia, performances musicais, novo circo e ata un chisco de cabaret. Incluso tres deles escolleron o FIOT para a súa estrea "mundial". Os pubs, tascas e cafeterías que colaboran coa iniciativa son: Mesón A Cabaña, Cafetaría Valle Inclán, Pub A Reserva, Bodegón O Pescador, Cafetaría Colón, Vinoteca La de Bur, Cervexaría A Bombonera, Pub Twenty, Pub O Patacón, Cafetaría Baños Vellos, Pub Divinity, Cafetaría Xorima e Cervexaría Dublín. Os máis cativos tamén terán a súa cita cos contos na Ludoteca Municipal. E todo este amplo programa do FIOT 2012 complétase con propostas como "Café con..." na que o público ten a oportunidade de falar cos creadores dos espectáculos; o programa de voluntariado, que comezou en 2010 e que cada vez consegue maior implicación por parte dos seus participantes; o Premio do Público, que este ano recollen tanto Tantakka Teatroa, distinguidos en 2006, como Talía Teatro, galardoados en 2010; ou a entrega do Xograr de Outono.

Respecto da venda e reserva de entradas, bonos e mini bonos, o despacho para os bonos (un total de 160 cun prezo de 62 € -55 € con desconto-) está aberto dende o 25 de setembro ás 9.00 horas e até o 2 de outubro; o minibono A pode adquirirse do 1 ao 5 de outubro e o minibono B do 1 ao 17 de outubro; Para as entradas soltas dos espectáculos de sala e o ciclo OTNI, o prazo estará aberto desde o día 1 de outubro ata o día antes de cada función e o día da función de 19.30 a 21.00 horas no despacho de billetes do Pazo da Cultura. Todo estará xestionado a través de <www.servinova.es>; e do teléfono 902 504 500.

A organización non quere esquecer a presenza dos patrocinadores, algúns que están no FIOT dende o primeiro, como a Xunta e a Deputación provincial, e outros máis recentes, como CCB-Gadis, a Fundación Reale, Sogama ou o Ministerio de Educación, Cultura y Deportes. E coa estrea da Fundación Luis Calvo Sanz, que ten no FIOT a súa primeira colaboración. A presentación do programa do FIOT 2012 contou coa presenza, ademais de Sueiro, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; o Xefe de Coordinación de Cultura e Patrimonio da Coruña, Manuel Varela; Mariel Padín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña; Teri Campos, representante de comunicación de Sogama; e Esteban Rostro, director do CCB-Gadis. Todos esperan que a convocatoria recolla un novo éxito na edición de 2012, e en verbas de Mariel Padín, "que se levante o telón para que poidamos desfrutar do mellor programa de teatro de Galicia".

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova o programa polo miúdo, así como as actividades paralelas e os detalles sobre a venda de entradas e bonos e os prezos en varios documentos en pdf.

Compartir: