Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dunha...

O PLAN PROVINCIAL SUPORÁ MELLORAS EN CAMIÑOS E NO SANEAMENTO

O pleno aborda a aprobación dunha operación de préstamo por 900.000 euros e a adxudicación do servizo de recollida de lixo

Venres 21 de setembro do 2012

Outro dos asuntos incluídos na orde do día é o contrato de xestión do "Servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo". A proposta da mesa de contratación é a adxudicación do servizo por un prazo de 16 anos e por un importe de 740.746,57 euros cada anualidade á UTE formada por Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería SL. Hai que lembrar que o proceso para a adxudicación do servizo de recollida de lixo principiou en xaneiro de 2012 con varias reunións dos voceiros municipais cos técnicos para analizar as principais claves da documentación, que contou con máis de 230 páxinas. No apartado de lixo, a sesión tamén aborda a aprobación inicial dunha modificación da Ordenanza fiscal número 6 da taxa de lixo para 2012. O cambio supón unha suba dun 2,5 por cento na taxa do lixo para vivendas, un incremento inferior ao do IPC, estimado xa nun 2,7 por cento para este período. No que respecta ao lixo de establecementos comerciais, o Goberno agradece o labor do líder do PSOE, José Antonio Viña, para fixar novas fórmulas que permitan unhas taxas progresivas e máis xustas. Así por exemplo, sube o importe que abonan os bancos por metro cadrado, ou o dos grandes autoservizos como Froiz, Día, Gadis, etc. Neste último caso porque xeneran unha grande cantidade de lixo, segundo o Alcalde. Porén, baixan outras taxas como as das perruquerías ou panadarías.

A sesión supón, así mesmo, a modificación do contrato de concesión administrativa do "Servizo público de Limpeza viaria do Concello de Carballo". Así, unha vez se adxudique a Urbaser o servizo de recollida de lixo, esta empresa asumirá o lavado de colectores que até o de agora realizaba Aspaber, segundo consta na concesión. Por tanto, agora modifícase e o contrato para que se inclúan melloras por un importe de 15.411,20 euros, o equivalente ao custo da limpeza de colectores. A partir de agora Aspaber asumirá a limpeza con auga a presión do mobiliario con cortiza dos parques infantís da capital municipal, por 4.498,20 euros; a limpeza de lavadoiros e fontes das parroquias do municipio unha vez ao ano, por 6.285 euros; e a limpeza e baleirado das papeleiras do Paseo do Anllóns dúas veces á semana por 4.628 euros. Ademais, o pleno debaterá a aprobación do 'Plan DTC 94' da Deputación destinado a mantemento e reparacións no municipio. O Alcalde, Evencio Ferrero, lembra que este programa non permite nin a creación de obra nova nin a ampliación de obra existente. Por tanto, e seguindo as directrices do Plan, o Goberno propón realizar unha mellora na rede de saneamento nas parroquias de Ardaña e Rus, por un importe de 92.586,85 euros; o rebacheo e mellora na rodadura en camiños das parroquias de Carballo, Sofán, Sísamo, Goiáns, Lema, Bértoa, Artes e Rus por 91.130, 30 euros; e traballos para mellorar a conservación do pavimento nas rúas do casco urbano por 149.513,02 euros. Para gasto corrente, destinaríanse 151.345,54 euros, chegando o plan a un importe total de 484.575,71 euros.

Sorteo electoral e moción contra a supresión da paga de Nadal

No apartado de mocións, a sesión debaterá a aprobación dunha proposta do BNG para impedir a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos afectados polo Decreto 20/2012, que suprime a paga extra de Nadal do ano 2012. A moción propón manifestar o rexeitamento da corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto Lei 20/2012 do 13 de xullo; rexeitar a decisión de impor ás empregadas e empregados públicos, particularmente aos vinculados aos Concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no Concello e no tecido económico local; e compensar a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos municipais instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir este obxectivo. Por último, a sesión inclúe o sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia do día 21 de outubro, convocadas por Decreto 174/2012 do 27 de agosto.

Compartir: