Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno para a aprobación...

SAEN ADIANTE UNHA OPERACIÓN DE PRÉSTAMO E O PLAN DTC 94

Luz verde no pleno para a aprobación inicial dunha modificación da taxa de lixo e para o contrato de xestión do servizo

Martes 25 de setembro do 2012

Seguindo cos asuntos relacionados coa limpeza e co lixo, a sesión supuxo o visto e prace unánime para a modificación do contrato de concesión administrativa do "Servizo público de Limpeza viaria do Concello de Carballo". Así, unha vez se adxudique a Urbaser o servizo de recollida de lixo, esta empresa asumirá o lavado de colectores que até o de agora realizaba Aspaber, segundo consta na concesión. Por tanto, agora modifícase e o contrato para que se inclúan melloras por un importe de 15.411,20 euros, o equivalente ao custo da limpeza de colectores. A partir de agora Aspaber asumirá a limpeza con auga a presión do mobiliario con cortiza dos parques infantís da capital municipal, por 4.498,20 euros; a limpeza de lavadoiros e fontes das parroquias do municipio unha vez ao ano, por 6.285 euros; e a limpeza e baleirado das papeleiras do Paseo do Anllóns dúas veces á semana por 4.628 euros. Ademais, o pleno aprobou o 'Plan DTC 94' da Deputación da Coruña destinado a mantemento e reparacións no municipio. Realizarase unha mellora na rede de saneamento nas parroquias de Ardaña e Rus, por un importe de 92.586,85 euros; o rebacheo e mellora na rodadura en camiños das parroquias de Carballo, Sofán, Sísamo, Goiáns, Lema, Bértoa, Artes e Rus por 91.130, 30 euros; e traballos para mellorar a conservación do pavimento nas rúas do casco urbano por 149.513,02 euros. Para gasto corrente, destinaríanse 151.345,54 euros, chegando o plan a un importe total de 484.575,71 euros.

Operación de préstamo por 900.000 euros

A sesión tamén supuxo a aprobación, cos votos de PSOE e BNG, dunha operación de préstamo en 2012 por un importe de 900.000 euros. O motivo da realización desta operación é a liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros, xa que a lei esixe que se tomen medidas para corrixir esa situación. Hai que lembrar que ese remanente vén dado por unha situación conxuntural, segundo explica un informe emitido por Intervención e Tesourería, xa que o Concello está pendente de recibir 2.798.717,77 euros, así como 401.378,74 euros de fondos FEDER (Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes con dúas certificacións polas obras do Fórum Carballo. Xa que a cantidade que se debe equilibrar é de 1.801.326,55, ademais do préstamo por 900.000 euros, o Concello deberá sufragar os outros 901.326,55 a través de superávit no orzamento de 2013. A pesares desta operación de crédito, a carga financeira do Concello é dun 6,32 por cento, por debaixo do tope legal do 25 por cento. No apartado de mocións, foi rexeitada cos votos de PP, TEGA E PSOE a proposta do grupo do BNG para impedir a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos afectados polo Decreto 20/2012, que suprime a paga extra de Nadal do ano 2012. Por último, durante a sesión realizouse o sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia do día 21 de outubro, convocadas por Decreto 174/2012 do 27 de agosto.

Compartir: