Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo estudou as...

A PRÓXIMA XUNTANZA ESTÁ PREVISTA PARA O 11 DE OUTUBRO

A Comisión de Urbanismo estudou as propostas dos diferentes grupos para realizar modificacións no tramado urbano do PXOM

Mércores 26 de setembro do 2012

Esta nova xuntanza da Comisión de Urbanismo vén despois dunha celebrada o 7 de setembro na que se realizou unha primeira análise da documentación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo, despois de que se entregase no Rexistro Municipal o planeamento ao completo a mediados do pasado mes de agosto. O plan de traballo acordado naquela xuntanza implica comezar a analizar o PXOM polo núcleo urbano para despois abordar o medio rural e poder incluír as modificacións que acorde a comisión, coas achegas de todos os partidos da corporación e mantendo as reunións que sexan necesarias. Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM debido á anulación do planeamento aprobado en 2003, unha anulación ratificada por unha sentenza firme do Tribunal Supremo en novembro de 2011. Nestes momentos está vixente unha ordenación transitoria, que terá vixencia ata a aprobación dun novo PXOM, na que se adoptan como referencias principais as normas subsidiarias dos anos 80 para a clasificación do solo e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) para a aplicación das normas urbanísticas correspondentes en cada caso. Así mesmo, o pasado 11 de maio entrou en vigor a suspensión de licenzas decretada para as zonas nas que poderían entrar en colisión a vella normativa e a que está en tramitación nestes momentos.

Compartir: