Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os rapaces e rapazas do Sysca festexan co Alcalde...

VALERIA GÓMEZ GAÑOU DOUS OUROS EN CATEGORÍA CADETE

Os rapaces e rapazas do Sysca festexan co Alcalde os seus éxitos deportivos, contando cunha dobre Campioa de España

Venres 28 de setembro do 2012

Durante a recepción, Ferrero tamén quixo salientar o traballo dos compoñentes das Escolas, xa que "para ter éxitos hai que sacrificarse", e quixo agradecer aos rapaces e rapazas que representen a Carballo nos campionatos por toda Galicia e toda España. Así mesmo, o rexedor carballés subliñou que dende o Concello "seguiremos colaborando para que Carballo sexa un referente no deporte", especialmente no que se refire ao deporte de base. E no que respecta ao Sysca, combinando a xestión da piscina Carballo Calero para permitir os adestramentos do club, compaxinados co desfrute das instalacións polos usuarios e usuarias. Na actualidade o Club Sysca conta con preto de 90 licenzas e arredor de 220 socios e socias, a maioría de Carballo. Trátase dunha entidade que xa conta con 22 anos de vida e para Óscar Abelenda é "unha satisfacción ver que este deporte non se queda atrás" e que o Sysca "está atravesando o seu mellor momento". Pedro Lantes tamén subliñou que o deporte do salvamento "é moi duro e require moito sacrificio", pero a pesares diso, os rapaces e rapazas conseguiron chegar ao Campionato de España como o único equipo galego, a excepción doutro de Cerceda, polo que "estou orgulloso do seu comportamento a todos os niveles". Despois de falar un pouco co Alcalde, tanto os representantes do Club como os integrantes do equipo asinaron no libro de honra.

Compartir: