Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía vasca Tantakka Teatroa...

DOMINGO 7 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A compañía vasca Tantakka Teatroa sube o pano das funcións de sala do FIOT 2012 con "Contra el viento del norte"

Mércores 3 de outubro do 2012

"Contra el viento del norte" toma como punto de partida a importancia da pantalla dun ordenador, un aparello máis que común nas nosas vidas e que mesmo está cambiando as nosas formas de relación social e de comunicación. A partir de aí van desfilando pola obra temas como as fronteiras entre a amizade e o amor, o intento de reprimir os sentimentos, a infidelidade, os celos e a busca da felicidade. E todos eles materializados na palabra escrita que tamén no mundo virtual é capaz de transmitir sensacións. A pregunta que os espectadores resolven ao final do espectáculo é ben sinxela. Sobrevivirían as emocións enviadas, recibidas e gardadas polos protagonistas a un encontro real? Con máis de vinte e cinco anos de andadura, Tanttaka Teatroa é a compañía de referencia no sector escénico vasco e o seu director, Fernando Bernués, está considerado como un dos directores españois de maior prestixio. Por terceira vez participan no FIOT. Ademais de en 2006, estiveron no Pazo da Cultura en 2001 con "El pianista en el océano".

Recollida de bonos, minibonos e entradas

A organización do FIOT 2012 quere informar que o mesmo domingo 7 de outubro, entre as 19.30 e as 20.45 horas, os espectadores poden recoller no despacho de billetes do Pazo da Cultura os bonos e os minibonos que compraron a través de Internet, así como as entradas da función dese mesmo día. De non esgotarse na venda electrónica, tamén se poderán adquirir tickets para o pase de Tantakka Teatroa. Este procedemento seguirase todos os días de función. Así mesmo, a organización quere informar de que a inauguración da mostra retrospectiva dedicada ao colaborador do Festival durante 19 anos, o creativo carballés Alberto Gende, atrásase provisionalmente ata novo aviso.

Compartir: