Inicio Carballo ao día Hemeroteca Talía Teatro afronta no FIOT o reto de...

XOVES 11 E VENRES 12 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro afronta no FIOT o reto de adaptar "O método Gronhölm", a coñecida obra do dramaturgo Jordi Galcerán

Martes 9 de outubro do 2012

O rexedor manifestou a súa satisfacción por que "os espazos para o fomento da cultura sexan non só para as representacións, senón tamén para producións que teñen as súas orixes no propio Carballo", xa que Talía leva preto de dous meses ensaiando no Pazo da Cultura e levando todo o proceso de creación teatral dende o seu auditorio. Ferrero lembra que dende o Concello "sempre apostamos polo FIOT", unha "fórmula de éxito que nos fai seguir apostando polo futuro, especialmente nun momento no que a cultura tamén ten unha dimensión económica". A organización do festival informa de que aínda quedan entradas para a función do venres 12 -nestes momentos está cuberto preto do 80 por cento do aforo- xa que a do xoves 11 está destinada aos posuidores de bonos e minibonos e a autoridades. Os interesados e interesadas en mercar os tickets, poden facelo na plataforma <www.servinova.es> e no 902 504 500 ata o día antes da función. Logo, se non se esgotaron, é posible adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día da obra de 19.30 a 21.00 horas. Ademais, Talía Teatro participa no programa "Café con..." unha oportunidade de achegamento persoal entre compañías, actores e directores, e público. Unha posibilidade para que presenten de primeira man o espectáculo nun ambiente agradable e distendido, tomando un café. A cita, aberta a todo o público que o desexe, é o venres 12 a partires das 19.30 horas na sala de televisión do Pazo da Cultura.

"O método Grönholm" comezou como obra teatral representada en catalán, escrita por Jordi Galcerán. Posteriormente, foi adaptada ao castelán, e tivo grande éxito en España e en Arxentina, ademais de representarse en Portugal. Finalmente chegou a ser representada en máis de 50 países e foi vista por máis de dous millóns de persoas. En 2005 deu nome a unha película coral cun reparto de luxo formado por Carmelo Gómez, Eduard Fernández, Adriana Ozores, Natalia Verbeke, Nawja Nimri, Eduardo Noriega, Ernesto Alterio e Pablo Echarri. En todo caso, Trillo explica que a versión teatral "é moi diferente da cinematográfica", ademais de que as anteriores versións escénicas do espectáculo apenas tiveron repercusión en Galicia. Subliña que, a pesares das dificultades da proposta, "o proceso de produción foi cómodo". Conta que o texto de Galcerán o tiñan dende hai moito tempo enriba da mesa, pero que estes momentos ofrecen a oportunidade perfecta para afondar na situación do mundo laboral. Despois das funcións de Carballo, Talía leva o espectáculo a Vimianzo o domingo 14 de outubro, e xa ten comprometidas funcións en Ribeira, Ferrol ou Cambre. Os interesados e interesadas poden consultar as citas na páxina web de Talía Teatro: <www.taliateatro.es>.

Compartir: