Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Torneo Festas do Pilar de Baloncesto cumpre...

VENRES 12 DE OUTUBRO NOS PAVILLÓNS MUNICIPAIS

O Torneo Festas do Pilar de Baloncesto cumpre oito anos reunindo a oito clubs e a preto de 300 xogadores

Mércores 10 de outubro do 2012

Os organizadores, CB Artai e Carballo Básket queren agradecer especialmente a colaboración do Concello de Carballo e do Padroado Deportivo Municipal, así como a presenza dos patrocinadores -Calvo, Agavite e Construcciones Ramón Vázquez y Reino- e da Federación Galega de Baloncesto. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar especialmente a importancia de que dúas entidades que son un referente para o baloncesto, non só en Carballo, senón tamén na comarca, unan esforzos para facer posible a celebración deste torneo, que suporá a afluencia de numerosos visitantes á vila durante a celebración do 12 de outubro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a presentación da cita que "a cultura e o deporte tamén forman parte da economía", polo que o Concello "fará todo o posible para que a sociedade permaneza viva", e para apoiar proxectos como o Torneo Festas do Pilar, cuxa celebración debe transcender "situacións conxunturais como a actual". Por último, o rexedor felicitou ao CB Artai e a Carballo Básket e desexou que o venres 12 de outubro "Carballo sexa unha festa do deporte e do baloncesto".

Precisamente, afondando na colaboración entre o Concello e as entidades deportivas, Diego Vázquez Reino, en representación de Carballo Básket, anunciou que a súa entidade está traballando coa Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira para favorecer en 2013 a celebración dun Día Autonómico do Pequebasket, ampliando así a festa que naceu en abril de 2012 e que ten a vontade de estenderse a toda Galicia en 2013. O Pequebasket é unha cita que pretende unir a competición e o aspecto lúdico do deporte e que está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 7 anos. Os interesados e interesadas poden descargar os horarios polo miúdo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: