Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT homenaxea ao artista Alberto Gende e o...

O PAZO ACOLLE A MOSTRA "DEZANOVE ANOS DE PERCORRIDO XUNTOS"

O FIOT homenaxea ao artista Alberto Gende e o premia co Xograr de Outono 2012 a título póstumo

Xoves 11 de outubro do 2012

A mostra está aberta no andar -1 do Pazo da Cultura no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas, así como os días de función. Ao acto de inauguración, ademais de Sueiro, asistiron familiares e amigos de Alberto Gende -entre eles os integrantes do grupo carballés Franc3s para quen o artista deseñou sempre a imaxe gráfica-, o alcalde Evencio Ferrero, a concelleira de Cultura, Mar Eirís, e outros membros da corporación municipal, así como representantes do tecido asociativo e da organización do FIOT. Ferrero quixo enmarcar a figura de Alberto Gende dentro "do libro de Carballo", e subliñou que a mostra serve "mesmo para desfrutar da súa evolución creativa", na que se inclúe algunha "carteleira xenial dende o punto de vista artístico". O Alcalde tamén quixo felicitar ao xurado por "lembrarse de alguén que tanto achegou ao mundo do teatro, aínda que non se subira nunca a un escenario". A organización do FIOT, así mesmo, destaca de Gende que: "Nel atopamos sempre un excelente colaborador que, co seu traballo e imaxinación soubo transmitir coma ninguén o espíritu do Festival a todos os públicos, servíndonos de excelente presentación ante a sociedade, xerando interese polo noso proxecto e contribuíndo á súa promoción e coñecemento".

O obxectivo da mostra, ademais de ser unha homenaxe póstuma a Alberto Gende, é que os espectadores que durante tantos anos o felicitaron pola imaxe do FIOT, lembren e desfruten unha vez máis destas obras que forman parte do seu inesquecible legado artístico. Carteis, programas de man e de actividades paralelas como a Rúa dos Contos, Teatro Lido, o Certame Galego de Dramatización de Monólogos Cómicos ou o Teatro de Rúa e campañas como a de captación de Voluntarios ou mesmo entradas recordan o seu talento. Por último, hai que mencionar que a organización pon a disposición do público un libro no que todo aquel que estea interesado pode asinar e deixar a súa particular homenaxe para Alberto Gende, as súas impresións sobre a exposición ou calquera pensamento sobre o artista e a súa obra.

Compartir: