Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o IV Campionato Galego Absoluto...

DO 20 AO 28 DE OUTUBRO

Carballo acolle o IV Campionato Galego Absoluto de Pádel nas instalacións do Club 3D3 no Polígono de Bértoa

Xoves 11 de outubro do 2012

Durante o Campionato actuarán de xuices árbitro os colexiados Tomás Carril e Pablo Freijeiro, designados pola Federación para aplicar a normativa e regulamento da competición. Son dous árbitros cunha ampla traxectoria que ademais efectuarán a arbitraxe en cadeira dende os cuartos de final co obxectivo de ensinar as claves do regulamento do deporte e darllo a coñecer ao público. Ademais dos correspondentes trofeos, os campións e subcampións de cada categoría recibirán da FGP por primeira vez unha bolsa para asistir aos Campionatos Nacionais e Internacionais, así como ao PPTour ou similar competición, dependendo do índice de participación en cada categoría. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar o traballo que está a desenvolver xunto coa Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira para contribuír a que acontecementos deste tipo, que atraen a Carballo a numerosísimos visitantes durante o seu desenvolvemento, redunden na hostalería e o comercio da vila. O presidente da Federación informou de que repartirán entre os inscritos unha listaxe de locais para facilitar o aloxamento aos xogadores e xogadoras que o desexen.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dixo estar "encantado" de "ir incorporando novas modalidades competitivas" ao panorama deportivo do municipio. Para o rexedor "deporte é economía", e manifestou a vontade da administración local de apoiar a iniciativa . Por último, desexou que o Concello sexa os días do Campionato un lugar "vivo e de encontro" para a práctica dun "deporte en expansión". Así, dende a Federación Galega informan de que Galicia conta con 64 probas ao ano con 3.000 federados maiores de 35 anos e que a afeccion segue en aumento. Dende o Club 3D3 aseguran que dende a súa creación están experimentando un notable crecemento, especialmente co número de mulleres anotadas. Os interesados e interesadas en inscribirse no IV Campionato Galego Absoluto de Pádel, poden facelo até o martes 16 de outubro na web <www.mistorneosonline.es>.

Compartir: