Inicio Carballo ao día Hemeroteca La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta...

TALÍA TEATRO RECIBIU O PREMIO DO PÚBLICO POR "VOLPONE"

La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta mar" e Cándido Pazó abre o ciclo OTNI na segunda fin de semana do FIOT

Venres 12 de outubro do 2012

Cándido Pazó abre o domingo 14 a terceira edición do Ciclo OTNI co espectáculo "Decamerón, historias para tempos ruíns" no que selecciona varios dos contos desta obra do século XIV do escritor italiano Giovanni Boccaccio. Pazó, ao xeito dos xograres e bubulús da época, utiliza unha fórmula amena, directa e dinámica, para presentar aquelas historias de maior comicidade, as que zumegan acidez e ironía, as que tratan o tema erótico dun xeito fresco e divertido e, sobre todo, aquelas que propoñen lecturas metafóricas sobre os tempos que corren. Esta proposta de Abrapalabra Creacións Escénicas enfatiza o carácter innovador do programa teatral máis alternativo do FIOT. As funcións do Ciclo OTNI teñen lugar nun espazo non convencional para o teatro, o Salón de Actos do segundo andar do Pazo da Cultura, que permite unha maior proximidade entre creadores e público. O prezo da entrada, que tamén se pode adquirir aínda a través de <www.servinova.es> e no 902 504 500, e de 3 €. Así mesmo, Cándido Pazó tamén participa en "Café con...", nun encontro cos espectadores a partires das 19.30 horas na sala de televisión do Pazo da Cultura.

Punto e final para a Rúa dos Contos

A Rúa dos Contos retoma esta ponte a súa programación para poñerlle fin. Despois da estrea o xoves de Evaristo Calvo e Piti Sanz, e do show musical de Os da Ría Íntimos, o venres 12 son tres os contos que se poden ver nos locais de Carballo: "Mentaclismo: tsunami mental", de Mentalini (23.00, Pub O’Patacón, entrada libre); "Improperio", de Triatreros (00.30, Cafetaría Baños Vellos, entrada libre); e "Unha vida dedicada ao triunfo", de Alféizar (01.30, Pub Divinity, 2€). Maxia, clown e improvisacións cómicas nas que o público toma parte activa e a presentación dun orixinal grupo musical que chega do sur de Galicia son as propostas da noite desta xornada festiva. Xa o sábado 13, a noite comeza co espectáculo de ilusionismo do mago Martín Camiña no que o público ten un papel moi activo (22.30, Cafetaría Xorima, entrada libre). Hora e media máis tarde, dous dos cómicos galegos máis coñecidos dos últimos anos, Isi e Isa comparten cos espectadores memorables anécdotas entre as que non faltan as risas (00.00, Cervexaría Dublín, 5€) para despedir con bo sabor de boca a programación da Rúa dos Contos.

Premio do Público 2010

Despois de que Tantakka Teatroa recibise o pasado domingo o Premio do Público do FIOT 2006, Talía Teatro recibiu o xoves 11 de outubro, despois da estrea da súa última produción, "O método Gronhölm", o Premio do Público do FIOT 2010 por "Volpone". Segundo explica Artur Trillo, director da compañía, o elenco lembra a representación en Carballo da obra de Ben Jonson con moito aquel porque, ademais de que percibiron a diversión do auditorio nun cheo absoluto, os propios actores desfrutaron moito da representación. Trillo quixo agradecer ao público o premio, especialmente porque non o concede o Festival, senón os propios espectadores, para quen vai dirixido o seu traballo. Na imaxe pode verse a Trillo recollendo o premio acompañado dos seus compañeiros de escenario en "O método Gronhölm": Toño Casais, María Ordóñez e Dani Trillo.

Compartir: