Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Brigada de Medio Ambiente acondiciona a Ruta...

VÉN DE REMATAR O DESBROCE DAS VÍAS ASFALTADAS

A Brigada de Medio Ambiente acondiciona a Ruta das Férvedas e continúa cos labores para retirar a maleza das pistas forestais

Martes 16 de outubro do 2012

Así, teñen sido despexados un total de 613 quilómetros asfaltados nas 18 parroquias despois dunha campaña que ten durado arredor de catro meses e que se levou a cabo aproveitando as semanas do período estival. Este tipo de traballos son realizados na súa maior parte con vehículos do Concello, para aforrar custos, e cos empregados das Brigadas de Obras e Medio Ambiente. Convén lembrar que o Concello carballés realiza de forma cotiá labores de mantemento, conservación e posta en valor da ribeira do río Anllóns e do seu Paseo, ademais de mantemento dos espazos naturais, como a Ruta das Férvedas, e dos espazos e vías públicas. Noutra orde de cousas, e dentro das accións de limpeza, o Concello tamén realiza labores para a prevención de incendios forestais e para a limpeza dos solares do casco urbano. No primeiro caso, o obxectivo é defender os montes ou terreos forestais fronte ao lume, así como protexer ás persoas e bens que puideran resultar afectados por eles. No segundo, a administración local vela polo cumprimento da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo cuxo incumprimento pode implicar sancións e que rexe a limpeza, tanto de espazos públicos, como de inmobles privados con transcendencia na limpeza e no ornato públicos, así coma outros aspectos que, incidentalmente, garden relación coa hixiene e salubridade.

Compartir: