Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha delegación da localidade bretoa de...

O ALCALDE RECIBIU AOS REPRESENTANTES DESTE CONCELLO FRANCÉS

Unha delegación da localidade bretoa de Vannes visita Carballo para preparar un intercambio co alumnado do IES Monte Neme

Mércores 17 de outubro do 2012

O intercambio de alumnado levarase a cabo a partires de marzo de 2013, e por parte do IES Monte Neme está previsto que participen un total de 15 alumnos e alumnas de 3º de ESO que están na sección bilingüe do centro, xa que reciben as clases de matemáticas en francés. A iniciativa para que o IES Monte Neme tomase parte no Proxecto Comenius Regio partiu da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O tema central son os intercambios e o seu fomento, sendo o eixe do proxecto o lanzamento dun protocolo de xestión para desenvolver este tipo de actividades. A finalidade é a de ofrecer un "marco legal" por parte da Consellería aos intercambios que se levan a cabo en Galicia. Vaise recompilar, elaborar e mellorar a documentación pertinente para que estas actividades se fagan seguindo unhas pautas, ademais de crear un modelo cunha plataforma informática para promover este tipo de actividades educativas e facilitarlle o acceso a un meirande número de alumnado. Por parte galega, na asociación liderada pola Consellería de Educación están icluídos, ademais do IES Monte Neme de Carballo, a APFG (Asociación de Profesores de Francés de Galicia) e o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros. O centro carballés incorpórase ao proxecto como centro educativo sen experiencia previa e que vai a iniciar un intercambio durante o presente curso escolar.

Respecto das persoas presentes na recepción na Alcaldía, por parte do Concello de Vannes, do Comité Bretagne Galice e do Collège Notre Dame Le Ménimur, asistiron as seguintes persoas: Latifa Bakthous Ben Abdallah, Tenente de Alcalde en materia de Educación; Bénédicte Barre-Villeneuve, responsable do servizo de Xuventude; Gaëlle Kervégant, responsable do servizo de Educación; Catherine Le Blay, profesora de Lingua Española no Collège Notre Dame; e Pierre Joubin, presidente do Comité Bretagne-Galice - Amigos de España. Por parte do Concello, ademais de Ferrero e Lantes, estivo presente o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Por parte do IES Monte Neme estiveron a directora Ana Mª Álcala Navarro; a profesora de Lingua Francesa Sandra Rodríguez Nieto; e outros dous representantes do profesorado e o equipo directivo.

Compartir: