Inicio Carballo ao día Hemeroteca Senda Nova organiza o I Outono en Marcha para ver...

ENTRE O 21 DE OUTUBRO E O 23 DE DECEMBRO

Senda Nova organiza o I Outono en Marcha para ver a comarca a través de cinco rutas con valor patrimonial e paisaxístico

Xoves 18 de outubro do 2012

O Concelleiro de Deporte e Medio Ambiente, Marcos Trigo, quixo resaltar que dentro do programa está incluída a Ruta das Férvedas, recoñecida pola Federación Galega de Atletismo e un percorrido que tivo como "ideólogo" ao propio Menéndez -"ao igual que outras moitas"-, ao que lle dedicou palabras de agradecemento. Respecto das inscricións, Senda Nova quere facilitar a participación, polo que os interesados/as poden anotarse: na base de Protección Civil de Carballo (edificio do antigo ambulatorio) de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e no Pazo da Cultura, mércores, xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas. O prezo, que inclúe un bocadillo para comer no medio da ruta, é de 6 euros para os maiores de idade e de 3 euros para menores e socios. A data límite de inscrición é 2 días antes da celebración de cada ruta. Respecto das características das rutas, desenvólvense en cinco domingos entre o 21 de outubro e o 23 de decembro. As saídas faranse dende o Pazo da Cultura de Carballo (8.45 horas) e dende a Casa do Concello de Coristanco (8.30 horas), encargándose a organización do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Todos os roteiros son de xornada completa. Así mesmo, a organización recomenda levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla e gorra, facendo Senda Nova especial fincapé, polas datas destas rutas, na roupa impermeable.

Respecto do calendario de rutas polo miúdo, o historiador Evaristo Domínguez Rial explicou durante a rolda de prensa as claves dalgunhas delas e dos lugares por onde transcorren. Son as seguintes:

  • Ruta das Férvedas: 21 de outubro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel.
  • Razo-Baldaio para protexer: 28 de outubro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, Senda Nova explica que se animou a realizar este percorrido en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural.
  • Traba de Laxe - Santa Mariña: 11 de novembro. Está previsto que a ruta inclúa unha visita a Camelle para poder ver o Museo de Man, pasando por Arou e Santa Mariña e probablemente se modifique, segundo explica Evaristo Domínguez, para poder rematar no Faro Vilán, visitando espazos como Monte Branco ou o Cemiterio dos ingleses. Todo o percorrido é pola costa.
  • Terras do Marqués: 25 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas.
  • As pegadas do wolframio: 23 de decembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre.

Os interesados/as poden descargar un tríptico con información das rutas nesta mesma nova nun documento en pdf. Máis información en <www.sendanova.org>.

Compartir: