Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o obradoiro infantil Sendas Carballo,...

ENTRE OUTOBRO E FEBREIRO NO FÓRUM E CON RUTAS NO MUNICIPIO

Arrinca o obradoiro infantil Sendas Carballo, destinado a amosar o patrimonio cultural e ecolóxico do Concello

Sábado 20 de outubro do 2012

Eva Cameán Pensado, coordinadora do programa, explicou as orixes da idea para desenvolver este obradoiro, xurdida da afluencia cada vez maior de cativos e cativas ás rutas habituais que desenvolve Senda Nova. A actividade ten moitos obxectivos, pero un deles é que cada neno ou nena que participe adquira ao remate coñecementos xeográficos sobre a súa contorna, "sabendo situar as 18 parroquias e os principais puntos de interese", en verbas de Cameán. Durante a presentación, ofreceu algúns consellos básicos para os participantes, como que leven roupa axeitada e impermeable, a importancia da puntualidade ou do respecto ao medio e ás persoas. Senda Nova espera que ao remate do obradoiro en febreiro os participantes acaden un achegamento estreito do patrimonio ecolóxico (ríos, bosques, humedais, etc.), cultural (megalitismo, cultura castrexa, patrimonio relixioso e pazos) e paisaxístico, ademais de adquirir espírito de convivencia e compañeirismo. Por último, cada neno ou nena deberá coñecer as nocións básicas para utilizar os aparellos correspondentes nas actividades deportivas no medio natural, así como coñecer o material que necesita levar un sendeirista a cada actividade. Os interesados e interesadas poden poñerse en contacto con Senda Nova para participar no obradoiro a través do enderezo electrónico: <sendanova@hotmail.com> ou a través dos teléfonos: 636 326 083 e 696 155 232.

Compartir: