Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT aínda ofrece entradas para...

ACTIVIDADES PARALELAS: "QUERES SER UN PERSONAXE TEATRAL"

O FIOT aínda ofrece entradas para "Acto cultural", estrea en Galicia de Grupo Actoral 80, e para as dúas funcións do OTNI

Martes 23 de outubro do 2012

No que respecta ás propostas do ciclo OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), o xoves 25 La Cocina, dende País Vasco, ofrecen "Calla y come". Coa escusa de comer unhas lentellas, Neri e Na son citados por Pako no teatro para propoñerlles montar unha peza teatral arredor do que el denomina "ignorancia consciente". A partir de aquí comezan unha conversa desordenada na que se expón a dificultade de escenificar algo sobre un tema tan amplo e contraditorio. Partindo da reflexión sobre o propio teatro, "Calla y Come" propón unha viaxe ao lado máis xenuíno e auténtico de nós mesmos. La Cocina naceu no ano 2010 para a creación desta peza que forma parte do proxecto da sala La Fundición de Bilbao "Accidentes para la creación". Con esta obra gañaron o Premio ao Mellor Espectáculo de Teatro na Feira de Teatro de Huesca e foron finalistas do Premio Max ao espectáculo Revelación 2011.

O domingo 18 é a quenda dos cataláns Colectivo 96º e "Fingir". Un décimo aniversario, unha obra conmemorativa, cabaleiros e dragóns, un decorado de montañas e cataratas, un público, unha función teatral da que se amosan todos os segredos. Existe ou imaxinámolo? Un sedutor xogo onde todo o que ocorre en escena son representacións da propia obra que o espectador está vendo. "Fingir" é unha ironía divertida sobre a propia acción de representar que, utilizando o humor, reflexiona sobre a mentira, a ficción ou a realidade. Esta proposta levou o premio ao Espectáculo máis Innovador na Feira de Teatro de Huesca de 2011. As entradas poden adquirirse, por 3,85 €, en <www.servinova.es>. A fin de semana complétase o sábado 27 con "Viaxe a ningunha parte" de Sarabela Teatro, para o que as entradas están esgotadas.

"Queres ser un personaxe teatral": venres 26 e sábado 27

Todos levamos un personaxe dentro. Como mínimo. Pero unhas veces non sae pola falta de tempo e outras pola crise. Pero é fácil de sacar e nin sequera é necesario espirse. Chega con responder a unhas preguntas. Contestar a unhas preguntas, deixarse facer unha foto e decidir que tipo de personaxe de teatro se quere ser. Un de toda a vida tuneado, un feito para a ocasión como un traxe xastre, un que incorpore partes doutros personaxes como Frankenstein ou un que se pareza tanto ao seu dono que os amigos non sexan capaces de distinguir onde acaba un e comeza o outro. Hai que facer todo isto e logo asumir que os personaxes, como a realidade, non son sempre como queremos. Para participar nesta experiencia, titulada "Queres ser un personaxe teatral" e coordinada por Camilo Franco, os interesados e interesadas poden reservar a súa vez en <fiot.carballo@gmail.com> ou acudir directamente os días indicados ao Pazo da Cultura: venres 26 e sábado 27 de outubro de 19.00 a 21.00 horas.

Compartir: