Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello subscribe un convenio para delegar na...

O ALCALDE VÉN DE RATIFICAR O ACORDO EN SANTIAGO

O Concello subscribe un convenio para delegar na APLU a inspección, sanción e restablecemento da legalidade urbanística

Xoves 25 de outubro do 2012

A Axencia exercerá estas responsabilidades desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación do convenio, que serán exercidas polo Concello. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos emitidos pola axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderá ao Concello. Por último, o Concello debe prestar a cooperación e a asistencia activa que o organismo autonómico solicite, co fin de levar a cabo un eficaz exercicio das súas competencias; terá tamén que facilitarlle ao persoal da axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións e contribuír ao sostemento económico da axencia nos termos que establece o convenio de adhesión. A APLU xestiona actualmente 4.696 quilómetros cadrados de superficie correspondentes aos municipios adheridos: 20 na Coruña, 10 en Lugo, 21 en Ourense e 12 en Pontevedra, o que supón máis de 335.000 habitantes. Carballo é o primeiro municipio da Costa da Morte en adherirse a esta Axencia.

Compartir: