Inicio Carballo ao día Hemeroteca O contrato para a xestión do servizo de...

O ALCALDE FORMALIZOU A SINATURA DO ACORDO NO CONCELLO

O contrato para a xestión do servizo de recollida de lixo, que asumirán Urbaser e Servigal, entra en vigor no mes de novembro

Venres 26 de outubro do 2012

O contrato propón un enfoque novo na xestión do lixo, baseado na redución e reciclaxe dos residuos sempre tendo en conta a nova normativa; e tamén, no caso da Canceira Municipal, na protección dos animais favorecendo políticas de adopción. O contrato coa empresa Rexer, responsable da recollida de lixo, expirou o 31 de decembro de 2011, polo que nestes momentos está prorrogado ata que a nova empresa asuma a xestión. O obxectivo do goberno cos cambios introducidos é tentar reducir custos, xa que nestes momentos o servizo é deficitario en 400.000 euros; e mellorar a eficiencia, incluíndo no contrato a xestión do Punto Limpo e da Canceira Municipal, que até o de agora estaban sendo levados por Aspaber e pola Brigada de Obras, respectivamente. Entre as melloras ofertadas por Urbaser, hai que subliñar o aumento do horario do Punto Limpo e a Canceira Municipal; a creación de accesos para minusválidos en determinados colectores; un incremento no número de colectores obrigatorios que esixe o prego de condicións; o incremento nos tempos de recollida de envases, papel e vidro na zona rural; e unha mellora tecnolóxica coa presenza dun camión bicompartimentado, que permite recoller á vez envases e papel na zona rural. O proceso para a adxudicación do servizo de recollida de lixo principiou en xaneiro de 2012 con varias reunións dos voceiros municipais cos técnicos para analizar as principais claves da documentación, que conta con máis de 230 páxinas. O contrato foi aprobado nun pleno en marzo deste ano.

Compartir: