Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo rexistra un período...

ADXUDICACIÓN DO PRÉSTAMO DE 900.000 EUROS A CAIXABANK

O Concello de Carballo rexistra un período medio de pago de facturas de 21,11 días, case a metade dos 40 que marca a Lei

Venres 26 de outubro do 2012

A sesión plenaria ordinaria de outubro, que se celebra o luns 29 ás 20.30 horas, inclúe máis asuntos económicos na orde do día. Entre eles está a adxudicación dunha operación de préstamo por 900.000 euros. O Concello mantivo contactos con todas as entidades bancarias con oficina na localidade, e finalmente a adxudicación recae en CaixaBank. Hai que lembrar que o motivo da realización desta operación é a liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros, xa que a lei esixe que se tomen medidas para corrixir esa situación. Este remanente vén dado por unha situación conxuntural, xa que o Concello está pendente de recibir 2.798.717,77 euros de fondos FEDER (Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes con dúas certificacións polas obras do Fórum Carballo. Unha cantidade que o Alcalde espera que chegue ás arcas municipais antes de final de ano. O pleno inclúe, así mesmo, a aprobación inicial da modificación da Ordenanza fiscal número 10 reguladora da taxa polo servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e da modificación da ordenanza fiscal número 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable. En ambos casos, o contrato con Aquagest recolle que cada ano as taxas deben rexistrar unha suba equivalente ao IPC interanual, que neste caso é dun 3,7 por cento.

No que respecta a cuestións de persoal, o pleno debate o acordo sobre o complemento de prestacións ao persoal funcionario e laboral do Concello de Carballo en situación de incapacidade temporal. Así, dende o pasado 15 de outubro a norma establece que calquera traballador en situación de incapacidade temporal non ten dereito a percibir o 100 por cen da nómina. Porén, a administración local chegou a un acordo polo que en Carballo os traballadores nesas circunstancias si terán dereito á totalidade do seu salario, recorréndose a fondos municipais para asumir o custo. Ademais, a sesión recolle o acordo obrigatorio da non dispoñibilidade de crédito para a paga extraordinaria dos traballadores do Concello e do Padroado Deportivo Municipal, e que supón a inmobilización do diñeiro derivado da supresión desta paga. No caso dos traballadores do Concello, o importe é de 205.329,44 euros; e nos do Padroado de 20.412,30 euros.

Declaración institucional con motivo do 25 de novembro

Nun pleno que conta con ata 11 asuntos na orde do día, a sesión recolle a Declaración Institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero con motivo da conmemoración do 25 de novembro, que foi avalada por unanimidade na comisión informativa previa ao pleno e que manifesta a vontade da administración local de seguir traballando para eliminar esta lacra, descartando calquera uso partidista e tentando implicar a todos os sectores da sociedade. O pleno tamén abordará a designación dunha Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e os concellos de Coristanco e Tordoia. Evencio Ferrero manifestou a vontade do goberno de que, coma no caso da Laracha, o deslinde se realizara de forma consensuada entre as partes implicadas. Ao non ser isto posible, designarase unha comisión e trasladaráselle á Xunta, para que actúe como considere. Os principais problemas céntranse arredor dunha zona de Entrecruces. A orde do día recolle a aprobación da Reversión dun terreo ubicado no lugar de Entrerríos, parroquia de Bértoa. Trátase dun terreo cedido no seu día por José Puñal Canedo para unha posible ampliación da ponte da Cheda. Ao non realizarse esta mellora e transcorrido o prazo que marca a Lei, os lexítimos donos piden a devolución da finca, que deixará de ser de propiedade municipal.

Por último, a sesión inclúe unha pequena modificación do Plan DTC 94 da Deputación, xa que no apartado dedicado ao rebacheo e mellora na rodadura en camiños das parroquias de Carballo, Sofán, Sísamo, Goiáns, Lema, Bértoa, Artes e Rus, hai algunhas pistas que necesitan unha autorización de Patrimonio. Ao non ter chegado o permiso pertinente, estas pequenas zonas suprímense do Plan. No apartado de mocións, TEGA presenta unha para que se coloquen valados protectores na Avenida de Malpica. O goberno espera que se atenda esta petición o antes posible.

Compartir: